DEPORTES

Premios para os máis deportivos da temporada 2008/09

18/01/2010 A S.D. Grixoa (2ª Autonómica), o C.D. Urban (3ª Autonómica), o Club La Salle (Xuvenil) e a S.D. Villestro (Cadete B) foron os gañadores dos trofeos á deportividade da temporada 2008/09. Algúns destes equipos son xa habituais entre os máis deportivos e tanto a S.D. Grixoa como a S.D. Villestro repiten trofeo nas súas respectivas categorías.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregou os trofeos aos gañadores, que cada ano son propostos pola Delegación de Fútbol de Santiago. Foron os catro clubs que ao longo da temporada recibiron menos tarxetas e amoestacións. Optan a este recoñecemento só equipos da zona de Santiago nas categorías de 2ª autonómica 3ª autonómica, xuvenil e cadete.

Estes premios foron creados na tempada 2000/01 a proposta da Delegación de Fútbol de Santiago e co apoio do Concello. Os representantes dos clubs gañadores reciben unha peza cerámica en recoñecemento á súa deportividade.

A Delegación de Fútbol de Santiago conta cuns 500 equipos inscritos nas diversas ligas, que supoñen uns 8.000 partidos cada ano. Tamén regula os trofeos da Copa do Sar e os torneos patrocinados polo Concello de Santiago nas diversas categorías: afeccionados, xuvenís, cadetes, infantís, alevíns e benxamíns

Compartir: