ALCALDÍA

A renovación do convenio con Ryanair, clave nas boas cifras de Lavacolla en 2009

15/01/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosou a súa "moderada satisfacción" polo crecemento no número de pasaxeiros rexistrado no aeroporto de Lavacolla en 2009. "Santiago –indicou- é unha excepción dentro dun retroceso xeneralizado dos aeroportos españois". Atribuíu o éxito, en boa parte, á renovación do convenio con Ryanair.

Sánchez Bugallo dixo que nestas cifras de Lavacolla "moito ten que ver a decisión tomada polo Goberno municipal, a finais de 2008, de non denunciar o convenio con Ryanair. Se o tiveramos feito, as cifras serían distintas e encabezariamos as de baixada". Recordou que "no noroeste peninsular só hai un aeroporto que aumentou, o de Santiago, e tres que diminuíron, os da Coruña, Vigo e Porto".

Sobre o novo modelo anunciado polo Ministerio de Fomento para AENA, apuntou a necesidade de agardar a que se estableza "un escenario aínda non suficientemente definido e delimitado". En calquera caso, recordou a intención de que AENA se abra á participación de capital privado e a aposta por comités de rutas e mesmo por sociedades filiais con posible participación autonómica.

Compartir: