ALCALDÍA

O alcalde demanda á Xunta a "corrección de enfoques inxustos" en relación ao Xacobeo

15/01/2010 "A Xunta é consciente de que hai un problema nestes intres", indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, en relación á promoción e programación do Xacobeo 2010. Por isto, reclamoulle a "corrección de enfoques inxustos" que, na súa opinión, van en prexuízo da cidade e do propio Ano Santo.

Sánchez Bugallo volveu a reiterar as súas "dúbidas" sobre a promoción do Xacobeo e expresou o seu desexo de que "o posicionamento unánime neste tema sirva de elemento de reflexión" á Xunta". Preguntado polas razóns dese enfoque do Goberno autonómico, indicou que "máis que un problema político é o temor a un hipotético localismo" e responde a unha "falsa concepción" dese localismo. E malia o tempo perdido –engadiu- pediu á Xunta que "afine o obxectivo" e que "se peche unha programación para todo o ano, para vendela como tal e para programar os diferentes eventos".

A postura do Concello, dixo Sánchez Bugallo, foille expresada verbalmente e por escrito ao conselleiro de Cultura. "O Goberno municipal expresou claramente a posición institucional, respectuosa, pero obrigada a defender aos nosos cidadáns. En calquera caso, espera "unha resposta nas instancias institucionais, tal como corresponde".

No caso concreto das axudas para a celebración de congresos, o alcalde pediu por escrito a Roberto Varela "unha reinterpretación ou modificación" da base que prima a descentralización destes congresos de xeito que "non se discrimine a Santiago neste aspecto".

Seguridade
Sobre outro aspecto do Ano Santo 2010, a seguridade, Sánchez Bugallo felicitou ao Ministerio do Interior e á Garda Civil pola detención dun comando de ETA no norte de Portugal, que "supoñía unha ameaza directa e clara para a seguridade do Xacobeo e de Galicia". Ademais, manifestou o seu desexo de que "se localice o lugar onde ían almacenar o material e aos posibles colaboradores deste comando".

Compartir: