DEPORTES

Xa se coñecen os emparellamentos da Copa de España de fútbol sala

13/01/2010 O Hotel AC Palacio del Carmen acolleu o sorteo de emparellamentos da XXI Copa de España de Fútbol Sala, que se celebrará no Multiusos Fontes do Sar do 11 ao 14 de febreiro. O equipo local, o Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago, xogará a eliminatoria de cuartos de final fronte ao Caja Segovia o xoves 11.

Ademais do Lobelle - Caja Segovia, os outros tres emparellamentos serán Ínter Movistar - Sala 10 Zaragoza (xoves 11), El Pozo Murcia Turística – Marfil Santa Coloma (venres 12) e FC Barcelona – Reale Cartagena (venres 12). As semifinais celebraranse o sábado 13 e, a final, o domingo 14.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, non quixo faltar a esta cita, que converterá a Santiago durante catro días na capital mundial do fútbol sala. Indicou que "a cidade é famosa polos seus monumentos herdados e tamén o está sendo polos que vai construíndo, como son os eventos deportivos". Neste labor, recoñeceu o papel do Xacobeo 2010 Lobelle coma "un dos nosos mellores embaixadores nos últimos anos".

Ademais, apuntou o rexedor municipal que esta Copa de España será "unha oportunidade de desquitarnos da anterior celebrada en Santiago e da final que xogamos ante El Pozo Murcia na Supercopa". "Esperamos ser uns bos anfitrións e que todo o mundo disfrute co torneo", engadiu.

Ao sorteo tamén asistiron, entre outros, o secretario xeral de Deportes da Xunta, José Ramón Lete; o presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, Javier Lozano; o concelleiro de Deportes, Bernardino Rama; o director xeral do Obradoiro, Miguel Juane; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana; e representantes dos oito clubs participantes. O acto foi conducido polos xornalistas Miguel Ángel Méndez e Alfredo Duro.

Compartir: