TURISMO

Aberto o prazo de inscrición para participar no Fórum Gastronómico Santiago 2010

11/01/2010 O prazo de inscrición do Fórum Gastronómico Santiago 2010, que se celebra do 20 ao 24 de febreiro, está xa aberto. Este ano o proceso realízase por internet, a través da páxina web do evento, www.forumsantiago.com.

Os interesados poden elixir entre inscribirse ao Fórum completo por 250 euros ou a un dos tres días, por 100 euros. A inscrición ao congreso profesional permite acceder de luns a mércores a todos os relatorios, obradoiros, diálogos e actividades do recinto, mentres que a inscrición para un día inclúe unicamente as actividades do día seleccionado.

O Fórum Gastronómico Santiago 2010 ofrece un amplo programa de actividades con obradoiros de cociña en directo e degustación final das creacións, relatorios, diálogos, catas e maridaxes de viños, entre outras. Un amplo abano de relatores desembarcará en Santiago grazas ao apoio de patrocinadores e colaboradores institucionais e privados.

Ademais, a organización estableceu un convenio con Viajes El Corte Inglés que permitirá aos congresistas que o desexen gozar dun aloxamento a prezos vantaxosos en hoteis da cidade.

O Fórum Gastronómico Santiago 2010 é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostalería Compostela e a Cámara de Comercio, e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend & Associats. Os seus patrocinadores institucionais son a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Turgalicia, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Como patrocinadores privados conta con Estrella Galicia, Cabreiroá, El Corte Inglés, Paradores, Rosareiro e Angelo Po.

Compartir: