BENESTAR SOCIAL

Benestar Social apoia dúas empresas para "coidar coidadores"

15/11/2005 O apoio aos coidadores é o obxecto de dúas novas empresas, Serpreco e Serco, que nacen co apoio da concellería de Benestar Social.

Santiago conta cunha poboación de 16.000 persoas maiores de 65 anos de idade, segundo a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira. Un sector crecente e que require de cada vez máis coidadores, termo aplicado ás persoas que se dedican a coidar persoas que non se valen por si mesmas ou que requiren dalgún tipo de asistencia.

Enfermos de Alzheimer, de esclerose múltiple, autismo ou con danos cerebrais precisan deste tipo de coidados que recaen nun 84% dos casos sobre mulleres. O progresivo envellecemento da poboación ata idades máis avanzadas e a incorporación das mulleres ao mercado laboral apuntan, como sinalan os representantes das empresas Sepreco e Serco, Inocencio Pereira e Dolores López, respectivamente, a unha "situación social emerxente e de crecemento exponencial".

A actividade dos coidadores require dun esforzo e absorbente que produce situacións de esgotamento, estres e mesmo depresións. "Moitas veces os mesmos coidadores non son conscientes de que precisan ser atendidos", sinalan os promotores desta iniciativa que desenvólvese co apoio municipal.

O seus fins son "coidar dos coidadores" cunha programación complementaria. Serpreco desenvolve servizos de prevención, dinamización comunitaria e autoaxuda no eido da dependencia e Serco encárgase do servizo de descarga a coidadores.

ENTREVISTA CON INOCENCIO PEREIRA -Coidar a unha persoa dependente pode converterse nunha actividade gratificante?
-A concellería de Benestar Social promove a atención aos coidadores, persoas que atenden aos que non poden valerse por si mesmos na vida cotiá, a través do apoio de dúas novas empresas de carácter social: Serpreco e Serco. Ámbalas dúas teñen un carácter complementario, dedicándose a primeira so servizo de prevención, dinamización comunitaria e autoaxuda no eido da dependencia, e a segunda ao servizo de descarga de coidadores. Inocencio Pereira é responsábel de Serpreco.

-Que é Serpreco Compostela?
-Somos un servizo de apoio á Concellería de Benestar Social, prestado por un equipo técnico profesionalizado formado por Traballadores Sociais, Psicólogos e Pedagogos, para o apoio psicosocial a coidadores. Serpreco é un servizo de prevención, dinamización comunitaria e axuda mutua no ámbito da dependencia.

-A quen vai dirixido este servizo?
-Pretendemos "coidar ao coidador". Pensemos que coidar a unha persoa dependente non é unha tarefa fácil, senón moi complexa, e o coidador precisa de recursos que favorezan que esta dedicación mesmo poida chegar a converterse nunha actividade gratificante. O coidador debe axudar á persoa dependente a desenvolverse na súa vida diaria e ten que posibilitar a súa adaptación o mellor posible ás limitacións que a discapacidade funcional lle impón. A dureza desta actividade amósase en que moitos coidadores sofren depresión ou baixa autoestima.

-Existe un perfil característico do coidador?
-Un 84% dos coidadores son mulleres: donas, fillas ou noras da persoa coidada, con idades comprendidas entre os 45 e os 65 ano. Máis da metade comparten domicilio coa persoa enferma. Polo xeral existe un coidador principal, que raramente é substituído ou relevado por outro membro da familia. Aínda que existe un claro predominio das mulleres no coidado de persoas maiores dependentes, hai que ter en conta que cada vez son máis os homes que participan nestas actividades.

-Que obxectivos ten Serpreco?
-Temos tres obxectivos xerais: proporcionar proxectos de descarga personalizados aos coidadores, establecer un soporte integral as familias obxecto de intervención favorecendo na medida do posible unha mellora na súa calidade de vida e sensibilizar e dinamizar á comunidade e ao tecido asociativo, sobre as necesidades das persoas dependentes e as súas familias.

- En que se concretarán estes obxectivos?
-Existen cinco programas específicos con diferentes actividades. Un destes programas é "Disfruta Coidando", que pretende favorecer as relacións sociais entre os coidadores/as para evitar o seu illamento social. Farase a través de actividades de formación, deportivas, de ocio... sempre tratando de proporcionarlles experiencias agradables e positivas que reforcen a súa autoestima e que ao mesmo tempo se sintan apoiados e comprendidos. Isto complementarase cos grupos de "Axuda Mutua", nos que se facilitarán canles de comunicación entre os familiares con situacións comúns e proporcionaranse "trucos" para unha boa interacción coa persoa dependente e para mellorar a súa calidade de vida como coidadores. Outro dos programas é "A Información tamén é saúde", co que pretendemos que os coidadores coñezan as causas, a evolución e as consecuencias da dependencia que sofre a persoa que coidan. Este programa vai ligado ao de "Formación permanente no coidado" , no que se pretende dotar aos coidadores das habilidades e técnicas necesarias para mellorar a relación coa persoa coidada sen que o coidador se "queime". Tendo en conta o importante que é que a sociedade coñeza a problemática dos coidadores, poremos en marcha o programa "Entre todos mellor", para promover unha comunidade solidaria coas necesidades que existen en torno á dependencia.

-Cantas persoas se beneficiarán deste servizo?
-Segundo os datos ofrecidos polo Estudo Prospectivo do Observatorio Local de Economía e Emprego do Concello de Santiago de Compostela, e tendo en conta que non existen datos específicos de persoas coidadoras, cremos que unhas 2.000 persoa poderanse beneficiar do noso labor.

-Como se pode acceder a el?
-Poden acudir a Serpreco tódalas persoas pertencentes ao Concello de Santiago de Compostela que o desexen, ben directamente ou derivadas dende as Unidades de Traballo Social do Concello, os Centros de Saúde, os Centros de Especialidades, os Hospitais ou dende empresas privadas adicadas a atención persoal así como dende a sanidade privada e os Colexios Oficiais. Para promocionar e dar a coñecer a nosa actividade en ocasións impartiremos charlas informativas en distintos puntos de interese.

-Participar nos programas e actividades que desenvolverá Serpreco terá algún custo económico para os usuarios?
Tódolos servizos que presta Serpreco son totalmente gratuítos para os usuarios. As actividades que realizamos son financiadas cos recursos aportados polo Concello e con subvencións da Xunta de Galicia.

Serco e Serpreco teñen a súa sede na rúa do Hórreo nº 19, edifico Viacambre, local 49 .

Teléfono: 981 571 919.
Correos electrónicos: serpreco@coidadores.com e serco@coidadores.com

Compartir: