CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia homenaxea a Rogelio Groba coa estrea do seu "Concerto no Lameiro"

11/01/2010 O concerto de abono da Real Filharmonía de Galicia do xoves 14 de xaneiro no Auditorio de Galicia servirá para conmemorar o traballo artístico do músico Rogelio Groba, un dos máis insignes compositores galegos e que o 16 de xaneiro cumprirá 80 anos. Con este motivo, a orquestra compostelá vai estrear a peza Concerto no Lameiro, escrita por Groba en 2004, para orquestra e frauta.

Será o frautista de orixe venezolana Luis Julio Toro o encargado de interpretar a peza xunto á formación orquestral. O director da Orquestra de Córdoba, Manuel Hernández Silva, será quen dirixa o concerto como director convidado.

Rogelio Groba, que estará presente no concerto do Auditorio de Galicia, é un dos músicos galegos máis coñecidos. Compositor, director e pedagogo, ten composto ao redor de 300 obras de diferentes xéneros. Durante 23 anos foi director da orquestra municipal da Coruña, onde tamén foi profesor do Conservatorio e fundou a súa orquestra. Tamén fundou a Orquestra de Cámara Municipal da Coruña.

Compre destacar o disco gravado coa Orquestra de Cámara de Stuttgart baixo a dirección de Maximino Zumalave e que inclúe a cantata Cantigas de Mar e a suite barroca Intres Boleses. Tamén destacan os discos nos que participou a Sinfónica de Londres, gravados nos estudos Abbey Road da capital británica.

Lembranza da infancia
O Concerto no Lameiro foi composto en 2004 para orquestra e frauta solista. O Lameiro é un lugar pertencente a Groba, na parroquia de Guláns, Ponteareas. Nese lugar foi onde o compositor viviu a súa infancia e onde descubriu a música da man da banda local.

O mesmo concerto repetirase ao día seguinte, venres, no Teatro Jofre de Ferrol (20:30 horas), no marco do ciclo de concertos da Sociedade Filharmónica da cidade departamental. O programa complétase na súa primeira parte coa Serenata para cordas de Chaikovsky.

O mesmo xoves 14 de xaneiro, ás 12:00 horas, terá lugar un novo ensaio aberto, polo que o público que o desexe poderá acceder de forma libre ao ensaio da Sinfonía Linz, de Mozart. Así mesmo, as notas ao programa, escritas polo crítico musical Ramón Balado, poderanse descargar das web da Real Filharmonía e do Auditorio de Galicia.

Compartir: