ALCALDÍA

Montevideo porá en valor a súa muralla colonial grazas á achega do Premio de Cooperación Urbana

12/01/2010 O Hostal dos Reis Católicos acolleu o acto da sinatura do protocolo de aceptación da terceira edición do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, creado e organizado polo Consorcio de Santiago

O intendente de Montevideo, Ricardo Ehrlich, recibiu de mans do alcalde e presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, dotado con 180.000 euros. O xurado do premio, que se reuniu o pasado novembro e estivo presidido polo arquitecto Xerardo Estévez, decidiu designar o proxecto Muralla Abierta, da Cidade Vella de Montevideo (Uruguai) como gañador entre un total de 29 proxectos presentados, pertencentes a 14 países latinoamericanos.

Ricardo Ehrlich expresou a súa satisfacción por recibir este galardón en Santiago, "que representa o emblema da cidade de encontro". Pola súa parte, Sánchez Bugallo, lembrou que Montevideo conta cuns 40.000 composteláns e manifestou o seu desexo de acudir á capital uruguaia para visitar o proxecto gañador do premio.

Novo espazo de convivencia
O proxecto Muralla Abierta permitirá poñer en valor un importante treito da muralla de época colonial española e incluíla nun novo espazo de convivencia conformado por unha praza cuberta e diferentes salas de usos culturais, tales como unha biblioteca, varias escolas-taller ou un anfiteatro. En definitiva, un novo espazo público no acceso norte ao casco histórico da capital uruguaia.

Muralla Abierta propiciará o crecemento en materia de formación cultural da poboación, polo cal o novo espazo será un catalizador social e de reforzo da identidade da Cidade Vella de Montevideo. Así mesmo, o proxecto pon en valor vestixios da colonia española, o que engadirá un novo atractivo na zona. Por último, o proxecto gañador incoporarase no circuíto turístico desta Cidade Vella, como una estrutura flexible de encontro e intercambio cultural.

Os traballos previstos permitirán recuperar un espazo hoxe degradado coa construción dunha praza cuberta, á redor da cal se dispoñerán diferentes espazos de usos culturais que terán como telón de fondo treitos da antiga muralla. Está previsto que estes espazos de uso cultural alberguen, ademais dunha biblioteca, un taller de produción e ensino de monicreques, talleres-escola de danza histórica vinculadas á cultura afrodescendente e talleres-escola de formas musicais tradicionais como a murga, de clara identificación uruguaia.

Compartir: