CULTURA

Implicadas/os no Desenvolvemento celebra a quinta edición do "Implícate", noite de música e palabra solidaria

08/01/2010 A presidenta de Implicadas/os no Desenvolvemento, María Reimóndez, e o actor Luis Tosar presentaron a V edición do festival Implícate, noite de música e palabra solidaria, que se celebrará o domingo 10, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Esta cita chega á capital galega por quinto ano consecutivo co obxectivo de crear unha conciencia reflexiva e comprometida co desenvolvemento igualitario de todos os pobos e coa necesidade dun cambio global para erradicar a pobreza.

A poeta Yolanda Castaño e o actor Luís Tosar volverán, igual que na anterior edición, a encargarse da presentación do espectáculo. Nesta ocasión o cartel está formado por artistas do eido musical como Susana Seivane, Narf e Carmen Rey e banda; por Antón Reixa, Ana Romaní, María Xosé Queizán e Lino Braxe no apartado de literatura; Cándido Pazó e Patricia de Lorenzo no de teatro e a compañía Pisando Ovos no de danza. Todas as persoas que colaboran neste festival contribúen de xeito desinteresado e altruísta a crear unha conciencia solidaria entre o público galego, achegando para elo parte do seu traballo artístico e cultural.

Ao longo da noite, o público poderá coñecer a filosofía de traballo de Implicadas, o tipo de proxectos de cooperación ao desenvolvemento que está a levar a cabo en comunidades do sur en India e Etiopía, a estrutura da organización e as actividades de sensibilización e concienciación que realiza no ámbito galego.

No marco do Implícate serán entregados, ademais, dous galardóns. Por unha banda, o premio da IV edición do concurso de micro-relatos e por outra, o II Premio Implicada do Ano, que nesta edición lle será entregado á xornalista Amelia García Hervella, pola difusión que leva feito do traballo de Implicadas desde a súa actividade profesional.

Hai que lembrar que, como todos os anos, as entradas están á venda no despacho de billetes electrónico de Caixa Galicia, onde se habilitou tamén unha fila cero para aquelas persoas que non poidan asistir ao espectáculo, pero desexen facer unha achega económica. O propio día do festival tamén poderán ser adquiridas as entradas no despacho de billetes do Teatro Principal.

María Reimóndez explicou que a recadación irá destinada aos proxectos de desenvolvemento de Implicadas na India e Etiopía. En concreto, financiarase a posta en marcha na India un centro de asesoría legal e atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero, entendida nun sentido amplo. A activación e funcionamento durante un ano deste centro require un investimento de 2.600 euros.

Compartir: