ALCALDÍA

A cidade recobra a normalidade tras unha extraordinaria nevada

08/01/2010 Santiago sufriu na madrugada do xoves ao venres unha intensa nevada que provocou un colapso no tráfico durante as primeiras horas da mañá. Os chuvascos de neve foron dunha magnitude e dimensión extraordinarias, "que non se recorda dende hai moitos anos", segundo dixo o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o que causou problemas de circulación no tecido urbano.

O alcalde explicou que o dispositivo de actuación previsto entre o servizo de vías e obras, policía local, bombeiros, protección civil e diversas empresas municipais, e as sete toneladas de sal coas que se contaba para facer fronte aos problemas habituais neste tipo de circunstancias, foron insuficientes para paliar os chuvascos de neve que foi quedando nas estradas e rúas da cidade durante toda a noite.

A partir das 6 da mañá o nivel de neve causou problemas importantes nalgunhas estradas que houbo que cortar ao tráfico. O Concello non contou con máquinas quitaneves ata que foron liberadas as grandes vías e autovías. A partir das 11 da mañá comezaron a chegar as máquinas quitaneves que enviou o Ministerio de Fomento e a Xunta. En total, oito máquinas quitaneves traballaron en Santiago para despexar as estradas, que foron quedando desconxestionadas a partir do mediodía. Tamén o transporte urbano iniciou a súa actividade normal a partir da unha da tarde.

Boa parte do persoal municipal que estaba a traballar no turno de noite prolongou a súa actividade ata o mediodía. Durante esta noite disporanse de tres máquinas quitaneves, se ben non se esperan chuvascos de neve tan intensos como os da noite anterior.

Compartir: