CULTURA

A programación cultural de Santiago en 2010 reforzará as áreas das letras, o teatro, a danza e o cine

07/01/2010 "Manter no 2010 os ciclos nos que se estrutura a programación cultural da cidade e reforzalos seguindo o criterio de sostibilidade" é a prioridade da concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, quen explicou en rolda de prensa as dificultades económicas que conleva poder cumprir este obxectivo. Acompañada polo director do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, adiantou as colaboracións de diversas administracións coas que se contan e os recortes que se aplicarán, ademais das áreas que se reforzarán como a das letras, o teatro, a danza ou o cine.

Contando coa orzamento prorrogado do 2009, de 3.600.000 euros, que á súa vez sofre un recorte do 25%, a Concellería de Cultura fixo as súas contas ante os medios de comunicación. Sumou as achegas das administracións, restou patrocinios e o resultado final foi negativo, precisando un millón de euros para poder manter a mesma programación que en 2009. Esta aposta por consolidar os ciclos existentes débese "ao panorama económico ao que nos enfrontamos que nos obrigou a non facer ningunha proposta nova que implicara máis investimento" e ao mesmo tempo "queremos producir un efecto continuado cunha programación mellor para o 2011 e 2012", manifestou a concelleira.

Polo momento, entre as achegas das administracións que aínda se manteñen están "as do Consorcio con axudas á Real Filharmonía, ao Auditorio e á programación de verán e a Cineuropa; a Consellería de Cultura con 110.000 euros que é probable que a manteña, as da Deputación da Coruña con 440.000euros, e a do Xacobeo coa coprodución da segunda parte da exposición A cidade interpretada, cuxo custo será compartido coa Concellería" indicou Socorro García. Tamén subliñou que sendo o ano 2010, Ano Xubilar, "a axuda do Xacobeo é bastante reducida, e aínda que hai pendentes máis reunións con eles, a súa resposta foi que habería algunha revisión pero que en ningún caso ía ser importante".

Chamamento aos patrocinadores
Ademais da diminución do 25% do orzamento propio, a Concellería de Cultura viu como se reduciron os seus patrocinios para o 2010. Retiráronse todos os patrocinadores, "agás Televés, que non obstante reduciu a súa contribución un 50%, ou Caixa Galicia, que xa fixo un recorte o ano pasado, e neste xa contamos que non faga ningunha achega", explicou a concelleira de Cultura.

Así mesmo, aproveitou para facer un chamamento ao todos aqueles que queiran patrocinar as actividades culturais do Concello de Compostela nun ano Xacobeo no que se "achegarán moitos visitantes á cidade, unha cidade que merece ter un programa como este, sen recortes", e dirixiuse especialmente aos hostaleiros que tamén "se benefician con estas actividades".

Literatura e programación estable de cinema
Xunto ao obxectivo de manter a mesma programación cultural que en 2009, a Concellaría de Cultura procurará tamén reforzar algunhas áreas de interese para a cidade. Por unha banda, no eido das letras, "haberá que facer un esforzo extraordinario para lembrar a Uxío Novoneyra, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras e que viviu na nosa cidade" explicou García Conde, quen tamén adiantou que se "está a traballar en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega na creación de visitas guiadas que acheguen aos visitantes á vida e á obra dos nosos escritores". Así mesmo, celebrarase en Compostela, un Congreso Internacional de Literatura Infantil, que reunirá a numerosas personalidades da literatura mundial e que permitirá programar actividades paralelas nos centros socioculturais do Concello.

Outra das áreas afecta ao teatro, xa que Compostela entrará na Rede Española de Teatro e Auditorios tendo a posibilidade de programar "obras a un prezo máis accesible". E a danza co programa Entredanzas, a arte coa mostra A cidade interpretada II, o patrimonio cun ciclo específico, e o cine cunha programación estable de producións independentes, que se fará mediante un concurso público de programación conxunta para todo o ano, serán protagonistas do programa cultural do 2010 "se o orzamento económico o permite", apuntou a edil.

Compartir: