FESTAS

Os Reis Magos chegaron en dous segundos a Compostela con mil millóns de xoguetes

05/01/2010 Os Reis Magos repartiron caramelos e ilusións un Nadal máis. Milleiros de nenos e nenas, acompañados das súas familias, viviron intensamente unha cabalgata que percorreu varias rúas compostelás ata chegar á praza do Obradoiro.

Como cada ano, as Súas Maxestades chegaron en tren á cidade, pero esta vez cos seus camelos, xa que, como Ano Santo que é, viñeron facendo o Camiño de Santiago. Na Estación, os Reis foron recibidos por algúns membros da Corporación e pola música interpretada pola Banda Municipal. Saudaron aos nenos que os foron a esperar e emprenderon o percorrido en carroza polas rúas compostelás, ateigadas de rapaces un ano máis. Moitos deles levaban as mans de cartón que repartira a Concellería de Festas.

Oito carrozas, un tren de fantasía e máis de 200 figurantes acompañaron aos Reis Magos ata a praza do Obradoiro. Ao seu paso, Gaspar, Melchor e Baltasar foron repartindo entre todos os rapaces catro toneladas de caramelos sen glute.

Comer o caldo
O alcalde recibiu aos Reis na praza do Obradoiro. Logo estes subiron ao balcón de Raxoi para dirixirse aos rapaces congregados na praza. Falou Melchor, quen lles recordou aos nenos que chegaran nun "turbo-camello", tan rápido que lles permitiu facer o Camiño de Santiago en tan só dous segundos. Iso si, as Súas Maxestades chegaron con mil millóns de xoguetes, "máis ca nunca", dixo.

Melchor quixo comprobar que os nenos foran bos durante o ano e asegurouse de que sabían escribir e debuxar, e de que querían moito aos animais. Non faltou tampouco un consello alimenticio, o de comer o caldo.

Tras un espectáculo de luces, sons e fogos de artificio, os Reis foron recibindo un a un aos nenos, que recibiron máis caramelos e expresaron os seus desexos de agasallos para a noite. Mentres agardaban a súa vez, puideron contemplar, ao son das panxoliñas, o Belén de Umbria instalado nos soportais de Raxoi.

Compartir: