ALCALDÍA

O alcalde afirma o compromiso de Santiago de Compostela cos valores da Unión Europea

05/01/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto institucional de exaltación da Presidencia española da Unión Europea. Esta cerimonia protocolaria foi a primeira dunha serie de actos que durante este primeiro semestre do ano pretenden contribuír a un maior coñecemento da realidade e dos proxectos da Unión Europea, así como da importancia do Tratado de Lisboa.

O programa do acto comezou coa interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia. A continuación interveu o alcalde compostelán, quen indicou que este era un "acto de afirmación e compromiso" coa Unión Europea. Neste sentido, lembrou os tres obxectivos da Presidencia española: as políticas económicas para saír da crise, afondar na Europa Social e, neste mundo globalizado, lograr unha voz única e unida na Unión Europa

Tras estas verbas, Sánchez Bugallo entregoulle a bandeira da Unión Europea ao director do Colexio de Roxos, en representación doutros colexios que a recibirán nos seus centros. E coas notas do Himno da Alegría, interpretado pola Banda Municipal de Música, izouse unha gran bandeira europea e soltáronse globos azuis. O acto rematou coa música de dúas bandas de cornetas.

Día de Europa e Santiago-Une
Os actos máis relevantes dos previstos terán lugar con motivo do Día de Europa. Esta celebración traerá a Santiago aos socios do proxecto Santiago-Une, recentemente aprobado pola UE. O 7 de maio haberá unha peregrinación de 5 quilómetros, entrando en Compostela todas as cidades xuntas. O día 8 de maio está previsto dedicalo á xornada científica con destacados poñentes e expertos relacionados co proxecto. O 9 de maio celebrarase o Día de Europa con actividades culturais.

Tamén no marco deste proxecto, unha delegación da cidade viaxará a varias cidades europeas para potenciar o papel do Camiño de Santiago como promotor da identidade europea. Irase a cidades coas que Santiago xa está irmandada ou en vías de irmandarse, como Asís, Santiago do Caçem e Córdoba, e a outras coas que se mantén unha estreita colaboración, como Regensburg, Narni, Rennes, Estrasburgo ou Aquisgrán.

Compartir: