CONSORCIO

Paul Daniel dirixe a Real Filharmonía no tradicional concerto de Reis

04/01/2010 Como vén sendo habitual, todos os 5 de xaneiro, véspera do día de Reis, o Auditorio de Galicia acolle un concerto especial, de carácter festivo e con algunha sorpresa. Nesta ocasión, o encargado de dirixir o concerto será Paul Daniel, principal batuta invitada da Real Filharmonía.

Como programa, Daniel ideou un repertorio no que se intercalarán diferentes arias de ópera, interpretadas polo contratenor ucraíno Yuryi Minenko, con coñecidas pezas orquestrais de Rossini, Gluk e Häendel e con extractos das suites de Façade, do compositor británico Willian Walton. O concerto pecharase cunha peza escocesa, composta por Peter Maxwell Davies. Trátase dunha obra que co tempo foise convertendo en tradicional dos concertos de Nadal no Reino Unido e que recorda unha voda escocesa cuxa festa remata ao amencer, de aí o título An Orkney wedding, with sunrise. Como colofón á peza xorde un solo de gaita escocesa, un son moi especial cunha tonalidade pouco habitual en Galicia e que será interpretado por Robert Jordan. Na peza, a gaita representa o saír do sol, logo da festa da voda, cuxa inspiración tomou Davies precisamente dunha voda á que asistiu na vila de Orkney, nas illas Orcadas, en Escocia.

As arias elixidas para a ocasión son tiradas das óperas Tancredi, de Rossini; Orfeo e Eurídice, de Gluck; e Xulio César en Exipto e Xerxes, de Häendel. O encargado de intrepretalas será Yuriy Minenko (Radomyshl, Ucraína, 1979). Asistiu a Musical Estatal de Odesa, onde rematou curso de posgrao e onde actualmente é profesor no departamento vocal da academia.
Minenko participou con éxito en varios concursos de canto. Foi premiado en 2001 no concurso nacional "A voz de Ucrania" en Kiev e no International Slavic Fest en París; recibiu o Premio Especial no XL Concurso Internacional de Canto Francisco Viñas, en Barcelona en 2002; Primeiro Premio no III Concurso Internacional para Novos Cantantes en Ucrania en 2004 e segundo premio no VI Concurso Internacional para novos cantantes de Ópera en San Petersburgo en 2004.

Dende 1998 ata 2003 colaborou coa organización de Kiev "Urkconcert". En 1999 realizou unha xira por Francia e España. Compromisos de Minenko en Rusia inclúen recitais como solista coa Orquestra de Catalina "a Grande" en Peterhoff, o Small Hall da Filharmónica de San Petersburgo, o Hermitage, o Palacio Yusupovsky e o Palacio Mariinsky, en San Petersburgo. Tamén cantou tres recitais como solista no festival "Taimyrian Cactus" en Norilsk en 2005. A finais de 2005 cantou en Moscova na Escola de Arte Dramático e no Kremlin.

Suites de Façade
O resto do progama ocúpano as dúas suites de Façade, a obra que deu fama ao compositor británico William Walton e a súa máis popular obra orquestral. Trátase dunha adaptación da obra homónima do poeta Edith Sitwell (1887-1964), composta por unha serie de poemas abstractos cuxos ritmos imitan os da música de jazz. Tal e como explica o crítico musical Julián Carrillo nas notas ao programa editadas para a ocasión, "na súa presentación, Façade foi interpretada detrás dun pano no que aparecía pintado un rostro, cunha abertura como boca tras a que un megáfono amplificaba a voz da propia Sitwell. O público recibiu a primeira interpretación cun notábel desconcerto, pero non faltaron as reaccións positivas".

Tamén recorda Carrillo que "as suites de Façade están compostas por pezas breves e a súa música é moi desenfada e dunha atractiva levedade. Pola súa harmonía, melodías e ritmos directamente emparentados co jazz, non é de estrañar que resultase algo atrevida para a inercia da alta sociedade británica da época.

Compartir: