FESTAS

Oito carrozas, un tren de fantasía e 200 figurantes acompañarán aos Reis Magos

04/01/2010 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou as actividades previstas para a Cabalgata de Reis. As súas Maxestades chegarán, un Nadal máis, e xa van 42, en tren, pero esta vez tamén cos seus tres camelos, que os acompañarán no seu percorrido polas rúas compostelás. Agárdase que unhas 50.000 persoas participen no desfile.

Oito carrozas, un tren de fantasía e máis de 200 persoas participarán nesta edición da tradicional Cabalgata, que arrincará ás 17:45 horas de mañá, 5 de xaneiro, coa chegada dos Reis á estación do ferrocarril. Alí serán recibidos polas autoridades e pola Banda Municipal. A continuación, percorrido polas rúas da cidade: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Xelmírez e Praza das Praterías.

Ao seu paso, as súas Maxestades repartirán catro toneladas de caramelos, que un ano máis serán sen glute, para que os poidan tomar os celíacos. Os Reis estarán secundados por escuadróns a cabalo e a pé e grupos de animación. Amenizarán musicalmente o percorrido bandas de cornetas e tambores. Nas carrozas haberá tamén unha representación do colectivo de persoas con síndrome de Down..

Os Reis Magos chegarán sobre as 19:00 horas á Praza do Obradoiro. Entón dirixiranse ao Pazo de Raxoi, onde serán recibidos polo alcalde e pola Corporación Municipal. Logo, o rei Melchor dirixirase dende os balcóns aos nenos e nenas presentes na praza. Para que os nenos xordos poidan tamén entender a mensaxe, unha persoa traducirá o discurso á linguaxe de signos.

E tras un espectáculo de luz, son e fogos de artificio, todos os nenos serán recibidos polos Reis, que atenderán as súas peticións no Pazo de Raxoi e daranlles máis caramelos.

Esta edición da Cabalgata conta cun orzamento total de 157.817 euros, dos que 76.457 se destinan a animación e actividades e 81.360 ao aluguer e montaxe das carrozas e do tren de fantasía.

Carteiro Real
Hoxe mesmo, dende as 17:00 ás 19:00 horas, o Carteiro Real estará na praza do Toural para recoller as cartas dos rapaces, nunha xornada tamén chea de animación. Das 19.30 ás 21.30 horas, o Carteiro estará na praza Roxa.

O paxe repartirá unhas mans xigantes de cartón para dar a benvida aos Reis ao día seguinte. A Concellería de Festas tamén entregará un modelo de carta aos Reis, que figura como anexo recortable no programa para este día.

Compartir: