RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

A Axencia Europea de Educación, Audiovisual e Cultura aproba o proxecto "Santiago-Une"

25/12/2009 A Axencia Europea de Educación, Audiovisual e Cultura vén de aprobar o proxecto presentado polo Concello de Santiago baixo do epígrafe Santiago-Une: O Camiño de Santiago une, integra e ilusiona aos cidadáns dende a Idade Media. O proxecto está integrado dentro do programa da Unión Europea denominado Europa cos cidadáns.

Nesta convocatoria aprobáronse 24 propostas de toda a Comunidade. O de Compostela é o único de España aceptado e ao que maior orzamento lle foi concedido. Terá unha duración que vai de xaneiro de 2010 a xuño de 2011. A UE achega unha subvención de 149.956 euros. A Concellería de Relacións Institucionais é a encargada de xestionar este proxecto.

Santiago-Une ten a intención de, con base na xénese medieval do Camiño de Santiago e do seu papel integrador e promotor da identidade europea e os seus valores, amosar a súa potencialidade para ofrecer unha rede que reflexione sobre o futuro de Europa. Trátase de fomentar, a través de accións conxuntas, especialmente entre a xuventude, aínda que con implicación de toda a cidadanía, o diálogo intercultural que permita fomentar o sentido de pertenza á Unión Europea entre os seus cidadáns.

No ano 2007, durante la celebración del XX aniversario do Premio do Consello de Europa, que declarou o Camiño primeiro itinerario cultural europeo, asinouse un manifesto no que se fai un chamamento ás institucións e cidadáns no senso de promover o establecemento de intercambios permanentes entre as cidades e as rexións situadas ao longo do Camiño; polo que a creación desta rede cumpre plenamente estes obxectivos; sobre todo, co compromiso expresado por todas as cidades de darlle continuidade a estas relacións iniciadas nos anos setenta.

A xornada principal deste proxecto terá lugar en Santiago de Compostela o Día de Europa, 9 de maio de 2010, xornada na que se contará cunha presenza e participación activa e destacada de todos os socios do proxecto. O día 7 de maio haberá unha peregrinación de 5 quilómetros, entrando en Compostela todas as cidades xuntas. O día 8 de maio está previsto dedicalo á xornada científica con destacados poñentes e expertos relacionados co proxecto. O 9 de maio celebraremos o Día de Europa con actividades culturais nas que tamén participarán todas as cidades asociadas ao proxecto.

Tamén se desenvolverán eventos noutras cidades, intentando ampliar ao máximo o número de eventos, coa intención de maximizar en todas o efecto do proxecto e o coñecemento do Camiño como promotor de valores europeos e de unidade de Europa nestes momentos de crise de identidade; así como parte da historia e do acervo cultural europeo, sendo un dos piares fundamentais nos que se cementou a conciencia europea.

As cidades socias do proxecto son Asís, Santiago do Caçem e Córdoba. As comprometidas por acordos o con estreita relación e de participación son Regensburg, Narn e Rennes.

Compartir: