TURISMO

Santiago de Compostela acumula no 2009 un crecemento en pernotacións do 6,68% a falta dos datos de decembro

22/12/2009 Santiago de Compostela sumou nos once primeiros meses do ano un total de 1.130.857 pernotacións, segundo os datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Neste período, a única cidade pertencente aos grupos das Cidades Patrimonio e da España Verde, compostos polos destinos comparables á nosa cidade, que supera o millón de pernotacións entre xaneiro e decembro, ademais de Santiago, foi Bilbao, con 1.027.764.

Santiago lidera ambos grupos no crecemento acumulado durante o 2009, cun crecemento do 6,68% respecto ás 1.060.068 pernotacións que se produciron na cidade en 2008. Neste tempo, as pernotacións no conxunto de España descenderon un 6,9%. En Galicia, produciuse un descenso do 4,63%, pasando das 7.081.460 pernotacións do 2008 ás 7.425.633 de 2009. Con estas cifras, Santiago acumula unha de cada seis pernotacións que se producen en Galicia, segundo os datos do INE.

Os datos de evolución do acumulado anual das Cidades Patrimonio e da España Verde respecto do ano 2009 foron: Santiago, 6,68%; Victoria, 1,40%; San Sebastián, -0,10%; Xixón, -14,51%; Oviedo, -4,89%; Santander, 2,89%; Bilbao, 3,74%; Ávila, -10,44%; Cáceres, -0,52%; Córdoba, -7,69%; Cuenca, -8,01%; Salamanca, -3,80%; Segovia, -3,98%; Toledo, -3,29%; A Coruña, -5,00%; Vigo, -11,10%.

O crecemento de Santiago nos once primeiros meses do ano apóiase no aumento do turismo estatal, que pasou das 706.795 pernotacións do ano anterior ás 785.455 de 2009, un crecemento do 11,13%. Pola contra, o turismo internacional pasou das 353.273 do 2008, ás 345.402 que se produciron en 2009, cun descenso do 2,23%. Neste ano 2009 producíronse en Galicia 1.176.096 pernotacións de turismo internacional. Santiago acumula así unha de cada tres pernotacións deste tipo que se producen en Galicia.

No mes de novembro, Santiago creceu un 0,72% respecto ao novembro do ano pasado, con 72.568 pernotacións, fronte ás 72.047 que se produciron no mesmo mes do 2008. As pernotacións estatais decreceron un 0,38%, rompendo lixeiramente a tendencia crecente dos últimos meses. Pola contra, as pernotacións internacionais aumentaron un 4,80%, rompendo neste caso a tendencia decrecente dos últimos meses. O descenso no conxunto de España foi do 3,6%, mentras que no conxunto de Galicia produciuse un crecemento do 7,02%.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, considera que estes datos amosan a fortaleza de Santiago como destino turístico nestes momentos de crise. Non obstante, segundo Iglesias, "hai que ser conscientes de que a cidade está aumentado as pernotacións grazas en boa medida a que moitos estabelecementos están baixando os seus prezos, nunha estratexia que non se pode soster a medio e longo prazo. O INE non ten datos desagregados para Santiago, pero no conxunto do Estado o descenso en novembro do Índice de Prezos Hoteleiros foi do 6,5% en taxa interanual. O certo é que Santiago está sabendo competir neste momento de crise, pero hai que ser moi prudentes á hora de analizar os datos de pernotacións, que son positivos, pero que van acompañados dunha redución dos ingresos por pernotación".

Compartir: