CULTURA

Holga Méndez recibe o VI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

22/12/2009 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, entregou a Holga Méndez o primeiro premio do VI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas 2009. No acto de entrega, que tivo lugar na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, participou tamén o director do centro, Paulo Rodríguez. Holga Méndez (Pontevedra, 1971) impúxose aos outros 157 participantes no certame coa obra Reflexos: réplicas (Diálogos en Unland). O premio está dotado con 6.500 euros.

A artista presentou unha obra na que xoga coa iluminación, os reflexos de tres espellos e unha serie de figuras con forma de árbores situadas sobre a parede. "Estar comprendido entre uns límites, nun horizonte visual momentáneo ou duradeiro, é absolutamente esencial para a paisaxe", di Holga Méndez da súa peza, e engade que "a natureza, que no seu ser e sentido profundo nada sabe de individualidade, é reconstruída pola mirada do home que divide e que conforma o dividido en unidades illadas na correspondente individualidade".

Para a artista pontevedresa "Unland é reflexo e réplica deste universo total e fragmentario dunha apaisaxe actual, unha atopía que non se converte nun lugar concreto pero que tampouco podemos considerar utópico. Como o tempo mesmo, Unland reside no que xa non está e no que está por vir. É o ligamento que permite a transmisión da memoria ou, polo menos, do esencial dela: ese desexo inalienábel de chegar a ser habitantes dun mundo máis harmonioso e fermoso".

Holga Méndez é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e deNde o ano 2008 é profesora asociada da Área de Escultura da Universidade de Zaragoza. Realizou exposicións individuais na Galería Bacelos de Vigo e no Campus de Ourense. Tamén particiou en diversas exposocións colectivas en Galicia, Madrid, León e Alemaña, a última delas no Auditorio de Galicia: Ínsuas de cristal. Exposición Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia.

O do Auditorio é o terceiro premio que recibe a artista, logo do segundo premio que obtivo no certame de Escultura Pública do Consorcio da Zona Franca de Vigo (1996) e do primeiro premio do Concurso de Ideas para a Intervención Artística sobre a Caldeira de ENCE (2002), do que resultou a obra An(h)ellus, el dibujo del tiempo. Entre as súas publicacións destaca o texto El accidente de la mirada, editado este ano polo VIII Festival de la Imagen, de Caldas (Colombia).

Compartir: