CULTURA

O baixo menorquín Simón Orfila inaugura o Festival Todo Lírica 2009

21/12/2009 Co Nadal chega de novo Todo Lírica, un proxecto creado hai nove anos pola Concellaría de Cultura e a Asociación Galega da Lírica, e que dende a súa primeira edición, baixo o nome de Festival de Zarzuela de Santiago, xa deu exitosos froitos artísticos e de público. O ciclo segue o formato de recitais de voz e piano das anteriores edicións e constará nesta singular ocasión, ás portas do Ano Santo 2010, con cinco concertos.

O encargado de inaugurar Todo Lírica 2009, o martes 22 de decembro, será o baixo menorquín Simón Orfila, que cantará un variado programa que inclúe cancións napolitanas (Tosti e Gastaldón), arias de ópera (arias para baixo de As vodas de Fígaro, de Mozart, La Bohème, de Puccini e O barbeiro de Sevilla, de Rossini) e romanzas de zarzuela (El niño judío, de Luna, Maruxa, de Vives e La galeota, de Salvador Codina).

Será este o recital de presentación en Santiago de Simón Orfila, un cantante cunha sólida traxectoria que é invitado habitualmente aos máis prestixiosos teatros españois, italianos e franceses e que recentemente debutou nun escenario da categoría da Scala de Milán. Para a ocasión estará acompañado por Kennedy Moretti, pianista de orixe brasileira residente en Madrid dende hai moitos anos, cunha dilatada traxectoria como concertista e docente e que é xa un vello coñecido do público compostelán.

As entradas soltas poden adquirirse ao prezo de 6 euros no despacho de billetes do Teatro Principal o luns 21 e o martes 22.

A seguinte cita será o luns 28 de decembro, co tenor José Manuel Zapata e o pianista Rubén Fernández Aguirre.

Compartir: