URBANISMO

José Manuel Rey Pichel, novo director xerente de Emuvissa

15/11/2005 O prestixioso arquitecto José Manuel Rey Pichel, que, entre outras moitas responsabilidades, fora Decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) entre 1989 e 2003, será o novo xerente da Empresa municipal da vivenda e solo de Santiago de Compostela, Emuvissa.

Rey Pichel substiturá na dirección da empresa municipal a Aureliano García González-Llanos que cesara no seu cargo recentemente, ao ser nomeado director xeral de Planificación económica e fondos europeos da Xunta de Galicia.

O acordo da designación do novo xerente foi adoptado polo Consello de administración de Emuvissa celebrado o martes, 15 de novembro. O alcalde manifestou a súa "gran satisfacción" polo feito de que Rey Pichel aceptara a proposta do Concello toda vez que os once candidatos inscritos para este posto ou ben non cumprían os requisitos establecidos na convocatoria ou ben non se consideraban aptos para tal responbabilidade.

Bugallo engadeu que Rey Pichel é "un espléndido coñecedor da realidade urbanística compostelá", que coñece de primeira mán polo seu labor ao fronte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) co que o Concello suscribiu numerosos convenio para a promoción e desenvolvemento de vivendas protexidas.

Unha dilatada traxectoria profesional
Nado en Carballo (A Coruña) no 1942, José Manuel Rey Pichel cursou estudios de Arquitectura na especialidade de Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) de Madrid, titulándose no ano 1969.

Conta cunha ampla actividade docente como profesor de "Urbanismo" desta mesma Escola no curso 1969.70; como profesor de "Materiais de construcción e ensaios" na Escola Universitaria de Arquitectos Técnicos da Coruña desde o curso 1970-71 ata o curso 1977-78; e, tamén na Escola da Coruña como profesor de "Construcción II" desde o curso 1978-79 ata o curso 1984-85.

A súa traxectoria na administración pública é así mesmo moi dilatada e plural, sendo á última e máis recente a súa condición de Director Técnico do IGVS. Entre outras exerceu as seguintes responsabilidades:

•Arquitecto no Ministerio da Vivenda na Coruña, co cargo de director do Laboratorio do Instituto Nacional para a calidade da edificación.
•Xefe do Servizo de proxectos e obras da Dirección Xeral de Vivenda da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas da Xunta de Galicia (1985-1989).
•Subdirector xeral de Arquitectura da COTOP (1989-1990).
•Subdirector xeral de Urbanismo e arquitectura.
•Director Técnico de solo do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS): 1990 ata a actualidade.
•Membro dos Consellos de administración de Xestur Coruña (1992-2005) e Sigalsa (1995-2002).
•Membro do Comité nacional español de EUROPAN (1993-2005) en representación do IGVS.

No marco da profesión ostentou as seguintes responsabilidades:

•Vicepresidente do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.
•Decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
•Vicepresidente da Fundación Docomomo Ibérico.
•Representante de España no XIX Congreso da UIA en Barcelona (1996).
•Representante de España no XXI Congreso da UIA en Berlín (2002).
•Vicepresidente do Congreso de Arquitectos de España.
•Presidente da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia e, actualmente, Patrono de honra desta Fundación.

No exercicio da profesión a súa actividade céntrase especialmente en materia de vivendas (proxectos e dirección de obra) realizadas na Coruña, Santiago de Compostela (rúas Rosalía de Castro e Montero Ríos), Carballlo (Casa do Concello e vivendas), etcétera. Foi autor da restauración e rehabilitación do sanatorio psiquiátrico de Conxo e, no ámbito do urbanismo, autor das Normas subsidiarias e complementarias do Concello de Carballo e de varios plans parciais en Carballo e Miño.

Compartir: