CONSORCIO

O Consello de Administración do Consorcio aproba un orzamento de máis de 14 millóns de euros para o ano 2010

18/12/2009 O Consello de Administración do Consorcio de Santiago aprobou un orzamento de 14.374.376,65 euros para o exercicio 2010, o que permitirá desenvolver os proxectos e programas do organismo interadministrativo, orientados a promover as políticas de recuperación urbana e de dinamización turístico-cultural da cidade, ademais da atención dedicada ao Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica.

Por áreas, destinaranse 3,67 millóns de euros a plans de Recuperación Urbana, que serán distribuídos entre as axudas de rehabilitación e o novo plan de mantemento de edificios; á intervención en monumentos e elementos mobiliarios de valor histórico-artístico; ao programa de mantemento de lousados da cidade histórica; a novas actuacións no sistema viario; á continuidade do programa de intervención en parques e á dotación do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana.

Aos programas de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica asignaranse 1,5 millóns de euros, unha cantidade que se utilizará para continuar co desenvolvemento do Sistema de Información Patrimonial (SIP) e dar continuidade ao Programa URBE e ao programa de publicacións. Así mesmo, o proxecto da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que ocupará o antigo Banco de España, recibirá 540.000 euros.

Canto aos programas de Dinamización Turístico e Cultural, o Consorcio dedicará un orzamento de 7,87 millóns de euros, co que continuar as diferentes iniciativas de programación cultural na cidade. Por exemplo, a Real Filharmonía de Galicia recibirá 5,3 millóns de euros e o Museo de Historia Natural, que se está a construír na Finca de Vista Alegre, 876.000 euros.

En relación cos ingresos achegados polas administracións consorciadas, a achega do Estado para 2010 é de 7.880.000 euros, da Xunta, 4.500.000 euros e do Concello, 1.650.000 euros. Os ingresos patrimoniais e outros ingresos ascenden a 340.000 euros.

Compartir: