ALCALDÍA

Diversión para todos en Sar e Amio

19/12/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou dúas citas tradicionais do Nadal en Compostela, Nadalxogo, no Multiusos do Sar, e a pista de xeo instalada no Recinto Feiral de Amio. A primeira das propostas estenderase ata o 27 de decembro, mentres que a pista de patinaxe estará aberta ata o 17 de xaneiro.

Nadalxogo presenta unha vez máis unha ambiciosa oferta de lecer para todos os públicos. Todos os días ata o 27 de decembro, agás o 24, o Multiusos Fontes do Sar abrirá as súas portas en horario de 17:00 a 21:00 horas.

En canto ás actividades, non falta, como cada ano, o espazo para os máis pequenos, con idades de 3 a 5 anos, con parque de xogos, parque infantil de tráfico, obradoiros varios e outras actividades pensadas especialmente para eles. Haiun espazo para cambio de cueiros e unha zona destinada á merenda dos máis pequenos.

No eido recreativo destaca o carrusel de cabaliños, a pista de coches de choque ou os inchables para pequenos e mozos. En canto aos obradoiros, están previstos de cestería, encadernación, abelorios, gomaespuma, plástica ou papiroflexia. Tamén hai actividades deportivas: tenis de mesa, camas elásticas, bádminton, deporte Wii ou esgrima.

A lectura ten un lugar reservado en Nadalxogo, grazas ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil Deporte e aventura, cunha atractiva combinación de intervención lúdica e educativa. Os asistentes contan con actuacións musicais, sesións de contacontos, obradoiros de papiroflexia, exposicións de literatura infantil e xuvenil, un recuncho da lectura e deportes. Todo isto complétase con actividades extraordinarias cada día.

Tempo para patinar
Antes de pasar por Sar, o alcalde inaugurou oficialmente a pista de xeo instalada no Recinto Feiral de Amio. Estará aberta ata o 17 de xaneiro, agás os días 24 e 31 de decembro pola tarde e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro pola mañá.

A pista de xeo estará aberta nos seguintes horarios: de domingo a mércores, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas; de xoves a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 02:00 horas. O prezo xeral é de 5 euros, se ben os abonados do Multiusos Fontes do Sar ou do Complexo Deportivo de Santa Isabel pagarán só 2,5 euros. O prezo inclúe o acceso á pista de patinaxe durante unha hora e o aluguer dos patíns.

Os que vaian ata Amio atoparán unha pista de 20 x 30 metros, na que será obrigatorio o uso de luvas para patinar. Os grupos organizados (centros escolares, concellos limítrofes, etc) que o desexen deben enviar un correo electrónico a pistadexeo@multiusos.net para solicitar o acceso. Calquera dúbida ou consulta será atendida nesta mesma dirección ou no teléfono 981 568 160.

Compartir: