COMERCIO

Media Lúa, Andrómenas e Floristería Lilas, premiados na edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo

18/12/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os comercios gañadores da Edición de Nadal do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping. O primeiro clasificado foi a tenda de marroquinería Media Lúa; o segundo, o estabelecemento de decoración Andrómenas; e o terceiro, Floristería Lilas.

O estabelecemento clasificado en primeiro lugar foi Media Lúa, situado na rúa Travesa, número 5. O xurado valorou tres factores: o minimalismo e sinxeleza, a innovación e a orixinalidade do escaparate, convertido nunha prolongación da rúa. Vese a réplica de dúas persoas con bolsos de coiro na man, mirando cara o interior da tenda.

O segundo premio acadouno Andrómenas, , situado na rúa do Doutor Teixeiro, número 30. O seu escaparate, monocromático, recrea unha escena típica de Nadal que se desenvolve nunha rúa, con figuras recortadas e utilizando tons brancos.

O terceiro premio foi parao Floristería Lilas, con dous estabelecementos situados na rúa da República Arxentina, número 41 e na rúa Tras do Pilar, número 6. Valorouse a disposición dos dous escaparates, con elementos alusivos ao Nadal combinados co produto que ofrecen, para crear unha composición colorista e dificil de conseguir en superficies amplas de escaparate, como as que ten esta floristería.

O xurado estaba integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia. Segundo establecen as bases, valora conceptos como a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión prima tanto o escaparate como o interior do comercio. Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para os primeiros clasificados en cada unha das edicións, de 2.306 euros para os segundos, e de 1.682 euros para os terceiros clasificados. Contabilizando as catro edicións, no VI Concurso de Escaparatismo repártense 36.581 euros en premios.

Na edición de primavera os estabelecementos gañadores foron, por este orde, Tokonoma Iluminación, Xoguetería Vagalume e Xocoátel; na de verán Pecados de Compostela, Óptica Pontecastro e Sistemas de Seguridade A-1 e na de outono Katuxa Platero Xoias, Xocoátel e Pecados de Compostela. A principios de 2010 escollerase un gañador anual entre os estabelecementos que tivesen unha maior continuidade ao longo do certame.

Compartir: