ALCALDÍA

Os Premios Vagalume recoñecen o labor social da Asociación Gondwana e do artesán Francisco Javier Otero

17/12/2009 A Asociación Gondwana, na categoría colectiva, e o mestre artesán Francisco Javier Otero, foron os gañadores dos XVII Premios Vagalume. Estes galardóns recoñecen o traballo de colectivos ou persoas individuais que desenvolven as súas actividades cunha clara vocación social en Santiago.

Os gañadores recolleron os seus diplomas acreditativos e insignias de ouro nun acto celebrado no Salón Nobre e presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Este entregoulle o premio colectivo á Asociación Gondwana, por ser "unha das organizacións que en Compostela crean confianza social, por xerar un espazo de participación que xunta a persoas inmigrantes de moi diferentes procedencias e culturas, por desenvolver un labor fundamental dende os diferentes ámbitos de actividade nos que traballan: social, cultural, inserción, comunitario, cooperación", en palabras do xurado.

Creada no ano 2001 para dar resposta á complexa realidade que hoxe en día representa a inmigración, a Asociación Gondwana está integrada no Foro de Inmigración de Santiago, do que é un dos colectivos máis activos. A través do seu traballo coñecemos mellor as novas realidades da inmigración, cada vez máis significativa en Santiago. O Premio Vagalume 2009 quere manifestar o compromiso da cidade e do Concello con este colectivo cidadá que quere ser expresión da inmigración como unha oportunidade e como un reto.

Un coñecido activista social
No eido individual, o gañador foi Francisco Javier Otero, mestre artesán e belenista que ao longo dos anos vén desenvolvendo un importante labor cunha definida vocación social, procurando sempre a colaboración das institucións da cidade. Asociada a súa persoa ao belén artesanal de Conxo, creado no ano 1946 polo seu pai Francisco Otero Formoso, é o seu principal animador dende hai máis de 25 anos. Actúa como referencia e punto de encontro para os veciños e veciñas que saben da importancia das tradicións e do acervo cultural como elementos determinantes da cohesión social e da identidade das persoas.

O seu activismo social tradúcese noutras realizacións culturais, como os talleres de creación, a promoción de agrupacións musicais, ou o apoio ao labor integrador na Residencia da Terceira Idade de Volta do Castro. Todo isto fíxoo tamén merecedor do recoñecemento que representa o Premio Vagalume 2009.

O xurado dos Premios Vagalume estivo presidido pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón. Como vocais participaron Cibrán Vázquez (Cruz Vermella), Amelia Pereira (Cáritas Interparroquial), Ana Salgado (Obra Social Caixa Galicia) e os concelleiros Mar Martín, Olga Pedreira e Albino Vázquez.

Compartir: