FESTAS

A Concellaría de Festas presenta un programa de animación para o Nadal centrado nos máis pequenos

17/12/2009 O concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa o programa de actividades para este Nadal, con abundantes pasatempos para os máis pequenos. Pero tamén anunciou outros eventos coma o Festival de Corais ou o espectáculo multimedia previsto para o fin de do ano.

Para fomentar o espírito do Nadal entre todos os público celébrase o Festival de Corais (sábado 19, domingo 20 e luns 21). A partir das 19:00 horas, na Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia poderanse escoitar as panxoliñas que interpretarán 14 corais compostelás. "Trátase dunha homenaxe ao traballo que realizan estas agrupacións corais durante todo o ano e de maneira desinteresada nos distintos barrios e parroquias aos que pertencen, ademais de ser un punto de encontro continuo para os veciños", destacou Baqueiro.

Outro dos actos programados é a Gala Solidaria que se celebrará o luns 21, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, para recadar fondos para as entidades compostelás que axudan aos máis desfavorecidos. Durante a gala actuará o grupo de gospel The Brotherhood Singers (este espectáculo realízase en colaboración coa Concellaría de Participación Cidadá).

The Brotherhood Singers é unha formación que interpreta o Gospel tradicional dunha forma moi especial, incluíndo voces a capela no seu espectáculo. Actuaron por diferentes escenarios de Estados Unidos, ademais de realizar durante os últimos dez anos concertos e xiras por diversos países europeos como Suíza, Italia, Portugal e España. As entradas pódense adquirir por 10 euros na billeteira do Teatro Principal.

Carrusel infantil, animación e obradoiros
Baqueiro dedicou gran parte da súa intervención a destacar as actividades pensadas única e exclusivamente para os nenos e nenas de Compostela, que viven con especial ilusión estas festas. Así, os rapaces poderán aproveitar as súas vacacións do Nadal "no carrusel infantil máis antigo de España". Estará instalado na Praza Roxa dende o 22 de decembro ao 4 de xaneiro (agás os días 24, 25, 31 e 1). Durante todas as tardes, os pequenos poderán montar neste tiovivio de 17:00 a 21:00 horas.

Ademais, os cativos poderán gozar e entreterse coas actividades de animación e obradoiros que se montarán na Praza Roxa (22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro). "Entre todos eles destaca o taller de animación á lectura, de manualidades, o castelo inchable de Herodes e o día dedicado á globoflexia", dixo o concelleiro.

Un dos pratos fortes para o ocio dos máis pequenos será un show máxico circense (sábado 2), a actuación do pallaso Popín (domingo 3) e outras actividades varias para os nenos e nenas na carpa que se acondicionará na Praza Roxa. Todas estas actividades de lecer para os rapaces veñen a completar o programa Nadalxogo, xa presentado.

Espectáculo e festa de Fin de Ano
Xa para o día de Fin de Ano, a Concellaría de Festas está ultimando unha festa-cotillón con espectáculo pirotécnico e multimedia incluído, que se realizará dende a torre da Berenguela (dende onde saíran as doce badaladas) e as cubertas da Catedral (prazas da Quintana e Praterías). Para completar o equipo de Noitevella repartiranse as doce uvas e bolsas de cotillón nos soportais da Quintana. Entrado o ano novo comezará no Obradoiro un gran espectáculo musical da man da orquestra Panorama, en colaboración co Xacobeo.

Outra das actividades típicas destas datas é montar o Belén nas casas. Pero para ver un verdadeiramente espectacular e antigo, de 1946, pódese visitar o Belén de Conxo (na ruela de Torrente, 6) todos os días en horario de 17:00 a 21:00 horas, e domingos e festivos de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Carteiro Real
Co 2010 estreado, os rapaces poderán levar as súas cartas ao Carteiro Real dos Reis Magos, que visitará Compostela coa súa carroza e comitiva o luns 4, nunha recepción oficial no Toural de 17:00 a 19:00 horas e na Praza Roxa de 19:30 a 21:30 horas. Nestas dúas recepcións os rapaces poderán entregarlle as súas cartas aos reis e esperar impacientes á chegada do gran día para recibir os seus agasallos.

Finalmente, Baqueiro desexou que todos os composteláns gocen cos espectáculos programados e que teñan uns días ateigados de espírito do Nadal e un bo comezo de ano.

Documentos relacionados



Compartir: