CULTURA

Un caderno didáctico achega a figura de Ánxel Casal á cidadanía

17/12/2009 Un 17 de decembro de 1895 nacía Ánxel Casal, intelectual, editor e político compostelán. 114 anos despois, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou o libro Ánxel Casal Gosende. O editor de Nós, un caderno de fácil manexo e de vontade didáctica que busca "facer ese refrescado da memoria para poñer a Casal en relación cos espazos e os acontecementos históricos da cidade".

Recordado en rúas, placas e edificios da cidade o libro busca afondar nese coñecemento público dunha das figuras capitais na historia da cidade e de Galicia. A concelleira presentou o libro xunto ao seu autor, Miguel Anxo Seixas Seoane. É o segundo título da colección Cadernos de Compostela, do Centro de Estudos Composteláns Ánxel Casal, tras o dedicado a Valle-Inclán. A edil destacou que o libro "se le de maneira rápida e amena, o que é unha virtude". Felicitou ao autor por "compendiar en poucas páxinas tanta información" sobre unha figura clave, asasinado no alzamento militar de 1936, cando se mantivo á fronte da alcaldía da cidade.

Socorro García Conde destacou a importancia de Ánxel Casal como figura fundamental do nacionalismo e da cultura galega no século XX. Intelectual, empresario e activista, "sen o seu traballo como editor, moitas das obras literarias e de investigación máis importantes das nosas letras quedarían arquivadas en gavetas". Sinalou que, aínda que teña todos os recoñecementos e sexa fillo predilecto da cidade, iniciativas como a edición do libro seguen a ser oportunas para poñelo en valor e con el a todos os que comprometeron a súa vida pola liberdade.

Rescatar do esquecemento
O libro fai un percorrido pola vida de Ánxel Casal dende o seu nacemento en Vilantime (Arzúa), e detense especialmente na súa actividade política e cultural. É un caderno de 52 páxinas, cunha edición moi coidada e abondosa documentación gráfica, con fotografías da cidade a principios de século e do propio Ánxel Casal, recortes de prensa da época e imaxes das capas dalgúns dos moitos libros que Casal editou.

Miguel Anxo Seixas Seoane subliñou na presentación do caderno o papel que xogou como empresario, "consciente de que a lingua e a cultura galega tiña que normalizarse. O fondo editorial de Nós é o máis importante da literatura galega". Seixas chamou a atención sobre o feito de que "os homes que pensaron e deseñaron Galicia son os homes que foron decapitados en 1936".

Seixas felicitou á Concellaría por ter a iniciativa de "rescatar personaxes de Compostela", unha cidade "con rúas e edificios cheos de ecos e resonancias históricas". Lembrou un verso do himno galego, "non deas a esquecemento", para salientar que "os galegos temos que loitar pola nosa memoria e a nosa identidade, e devolverlle o protagonismo a personaxes ocultados, como Ánxel Casal".

Compartir: