EMPREGO

O Centro de Formación de Sanxuás de Aríns recibe a Certificación de Calidade

17/12/2009 O Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns conta xa co Certificado de Calidade UNE-EN-ISO 9001:2008. A certificación recolleuna o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias de mans de Ignacio Martínez, xerente de EQA (European Quality Assurance), nun acto celebrado no pazo de Raxoi.

Este recoñecemento ao Centro de Sanxuás de Aríns garante o factor de calidade aplicado á formación, entendida como un produto adaptado ás necesidades do alumando e, ao mesmo tempo, avalía a prestación dun servizo con criterios de eficiencia e eficacia, tanto no seu desenvolvemento como na súa xestión.

Aplicar o concepto de calidade a unha Administración Pública significa introducir modelos de xestión modernos orientados á cidadanía como destinataria dun servizos adecuados as súas necesidades, compatibilizando a eficacia no cumprimento dos obxectivos coa eficiencia na prestación dos recursos públicos. O proceso afecta a estrutura da entidade, aos procedementos que se aplican, aos programas ou accións que se executan e aos recursos humanos, económicos e técnicos cos que conta. Cando unha entidade acreditada expide un Certificado de Calidade, está garantindo a efectividade de cada un destes procesos, e un control periódico para que se sigan prestando e realizando con total garantía e respondendo ás necesidades das persoas usuarias.

O centro de Aríns
No Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns, a Concellaría de Promoción Económica e Emprego imparte clases de formación ocupacional (destinada preferentemente a persoas desempregadas) e formación continua (destinada preferentemente a persoas ocupadas). As especialidades que se desenvolven, todas elas con alta demanda laboral por considerarse novos xacementos de emprego, están homologadas pola Xunta de Galicia.

No ano 2006 ampliáronse as instalacións en 300 metros cadrados, pasando de 1.300 a 1.600, o que permitiu incrementar o espazo para a docencia. So en 2009 desenvolvéronse no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns 18 cursos, cun total de 270 prazas, que sumaron un total de 4.244 horas lectivas. Estas especialidades pertencían a tres programas distintos: Formación para o emprego, Persoa IV e Plan de Formación 2009.

Ao acto de entrega da certificación asistiron unhas trinta persoas, entre elas Javier López, delegado en Galicia de EQA. European Quality Assuranse é unha entidade de certificación de sistemas de xestión de calidade (ISO 9000) e de xestión medioambiental (ISO 14000), así como de calidade en Internet (IQA), entre outros. Acreditada a nivel internacional (UKAS) e pola ENAC (Entidade Nacional de Acreditación) para este tipo de certificacións, aválana miles de clientes en todo o mundo a través de delegacións en, entre outros países, Reino Unido, Irlanda, USA, Kuwait, Corea ou Italia. Na implantación deste sistema de xestión de calidade tamén colaborou a consultora Solproga.

Compartir: