ALCALDÍA

A avenida de Castelao contará con nove pasos peonís, nova rotonda e tres carrís no seu último tramo

17/12/2009 A reurbanización da avenida de Castelao vai transformar este travesía nunha avenida urbana, máis segura, con máis servizos e, en definitiva, con máis calidade de vida. Xa están en marcha as obras nesta rúa, que afecta a un ámbito de 1.200 metros de longo e que teñen un custo de 2.254.419 euros máis IVE.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado do concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, explicou as principais características desta actuación. En particular, referiuse a que esta nova "avenida urbana" contará con nove pasos peonís, "en zonas de visibilidade e aproximadamente cada 150 metros".

En canto á circulación de vehículos, resaltou a creación dun segundo carril de subida no tramo final da rúa, en dirección San Caetano, que facilitará o acceso ás distintas rúas da esquerda sen entorpecer o tráfico de subida. O vieiro de circulación terá un ancho de 3,5 metros. Tamén se creará unha nova rotonda no cruce da avenida coas rúas Gumersindo Busto Villanueva e Burgo das Nacións (xunto á Escola de Idiomas).

Outro aspecto que mellorará substancialmente é o relativo ás paradas do autobús urbano, que agora viña recollendo os pasaxeiros na propia calzada. Agora habilitaranse nove paradas de autobús. Serán estas prazas as que obrigarán a reducir nun número pequeno as prazas de aparcamento. En total, quedarán 145 prazas de estacionamento en batería e outras 48 en liña.

Iluminación renovada e máis servizos
As obras suporán a creación de 9.655 metros cadrados de beirarrúas, con anchos mínimos de 1,80 metros un ancho medio de 4 metros. Os peóns que paseen por elas atoparanse tamén cunha nova iluminación, semellante á existente nas rúas Berlín e Londres, en Fontiñas, con farois más altos para a calzada e máis baixos para as beirarrúas. Dos 61 puntos de luz actuais pasarase a 96.

A reurbanización suporá igualmente a instalación de cinco illas de contedores soterrados, a renovación das redes de saneamento e abastecemento e o soterramento de cables. Respecto ao mobiliario e á xardinería, colocaranse 36 bancos, 19 papeleiras e 52 árbores, en concreto 40 ciroleiras de xardín e 12 ligustros de Xapón.

Segundo indicou o alcalde, o prazo de execución das obras vai estar máis preto dos 12 meses previstos inicialmente no proxecto que dos 8 ofertados pola empresa adxudicataria. A razón é que a obra se executará en dúas fases, primeiro un lado da avenida e logo o outro. Deste xeito estará habilitado sempre un carril, permitindo o acceso a algunhas rúas ás que só se pode acceder dende a avenida de Castelao.

Compartir: