COMERCIO

Reparto de catálogos de "Regalar custa pouco" na praza Roxa e na praza do Toural

16/12/2009 O venres, día 18, están programadas dúas accións de animación en rúa, na praza do Toural e na praza Roxa, entre as catro e media e as sete da tarde, nas que se repartirá de balde o II Catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco, editado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

Este catálogo é unha publicación cunha tirada de 10.000 exemplares, deseñada dun xeito funcional e elegante ao mesmo tempo, seguindo criterios de calidade. É facilmente lexible e manipulable. Para tratar de chegar ao maior público posible editouse, por primeira vez, en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Contén os 65 produtos seleccionados no concurso, destinado ao sector comercial de Compostela. Todos eles amosan un comercio moderno, innovador e competitivo, adaptado as actuais demandas de consumo. Na selección, realizada por un xurado de profesionais e expertos no sector comercial, tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes.

Ademais de mostrar a calidade do comercio compostelá, o programa Regalar custa pouco, que conta cun orzamento de 30.000 euros, ten como finalidade promocionar os seus produtos co obxectivo de potenciar as compras nos estabelecementos comerciais da cidade durante o Nadal. Actúa así como programa de modernización e dinamización do sector, no marco das accións programadas dentro do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación de A Coruña.

Ademais de distribuírse en distintas accións de animación en rúa, o catálogo Regalar custa pouco, pódese atopar en lugares de gran afluencia de público (centros socioculturais, bibliotecas, oficinas de turismo, etc.). Tamén se pode descargar da páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio: www.maiscompostela.org.

O catálogo Regalar custa pouco estrutúrase en 60 páxinas, doce máis que en 2008. Divídese en tres partes. A primeira contén información moi gráfica sobre o programa e as zonas comerciais de Compostela. Na segunda, da páxina 08 á 55, atópanse os 65 produtos seleccionados no concurso, incluídos os tres gañadores: Chocolaterapia (37 €), un tratamento corporal de hora e media a base de chocolate en cabina, presentado polo centro de estética Saúde e Beleza; Bolso de pel con asa de corno de vaca (100 €), presentado por El Club Baltassara; e Perica (8,5€), un chaveiro en forma de ovella negra, elaborado en pel de vacún, presentado pola tenda de marroquinería Media Lúa.

Xunto aos produtos ofrécese unha breve descrición, o prezo de venda ao público e o nome do estabelecemento. E na terceira, ata á páxina 60, inclúese un listado por orde alfabética dos 14 estabelecementos nos que se poden mercar os produtos seleccionados. Neste listado figuran, entre outros datos, o enderezo do comercio e os horarios de apertura. Estes mesmos comercios están localizados, cun número, nun mapa da cidade que ocupa as páxinas 58 e 59.

Compartir: