DEPORTES

Tempo para patinar sobre o xeo

16/12/2009 Un ano máis, os afeccionados a patinar sobre o xeo teñen á súa disposición unha pista no Recinto Feiral de Amio. Estará aberta do 18 de decembro ao 17 de xaneiro, agás os días 24 e 31 de decembro pola tarde e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro pola mañá. O sábado 19 inauguraraa oficialmente o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O obxectivo deste ano é superar os 20.000 visitantes que a pista de xeo tivo na anterior edición. Así o apuntou o concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, quen tamén indicou que nalgún momento se barallou a posibilidade de instalar a pista ao aire libre, pero que se desbotou ante as dificultades que implica o clima.

A pista de xeo estará aberta nos seguintes horarios: de domingo a mércores, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas; de xoves a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 02:00 horas. O prezo xeral é de 5 euros, se ben os abonados do Multiusos Fontes do Sar ou do Complexo Deportivo de Santa Isabel pagarán só 2,5 euros. O prezo inclúe o acceso á pista de patinaxe durante unha hora e o aluguer dos patíns.

Os que vaian ata Amio atoparán unha pista de 20 x 30 metros, na que será obrigatorio o uso de luvas para patinar. Os grupos organizados (centros escolares, concellos limítrofes, etc) que o desexen deben enviar un correo electrónico a pistadexeo@multiusos.net para solicitar o acceso. Calquera dúbida ou consulta será atendida nesta mesma dirección ou no teléfono 981 568 160.

Compartir: