AUDITORIO DE GALICIA

O alcalde e o xerente do Consorcio asistirán ao concerto da Real Filharmonía en Bilbao

18/11/2005 A formación musical foi invitada pola ABAO (Asociación Bilbaína de Amigos da Ópera) para interpretar o Don Giovanni de Mozart no Palacio de Congresos e da Música Euskalduna.

O sábado 19 de novembro, dentro do ciclo de ópera que programa anualmente a asociación ABAO, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o novo xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva Prieto, asistirán a un concerto da Real Filharmonía de Galicia. Trátase do primeiro concerto que a agrupación musical dará no Palacio de Congresos e da Música Euskalduna, e ao que seguirán as actuacións do 22, 25 e 28 de novembro.

A ABAO colaborará directamente co director titular da mesma, Antoni Ros Marbà, un bo coñecedor tanto da obra que se interpretará, Don Giovanni de W. A. Mozart como do propio compositor.

As catro representacións de Don Giovanni contan cun reparto de voces de primeira liña como son Mariusz Kwiecien (Don Giovanni); Alan Held (Leporello); Saimir Pirgu (Don Ottavio); Ángeles Blancas (Donna Elvira); Ofelia Sala (Zerlina); Krassimira Stoyanova (Donna Anna); Lee Poulis (Masetto) e Friedemann Röhling (Comendador).

A dirección musical corre por conta de Antoni Ros Marbà, a dirección escénica é de Roberto de Simona e a produción da Staatsoper de Viena. Tanto aos músicos como aos solistas os acompañará o Coro de Ópera de Bilbao, dirixido por Boris Dujin.

A ABAO é unha Asociación fundada no ano 1953 no que o seu obxectivo primordial é a difusión da arte lírica, en xeral e da ópera en particular. A súa actividade principal é a organización dunha temporada de ópera estábel, de recoñecido prestixio, tanto a nivel nacional como internacional, para a que conta cunha presenza de público duns 70.000 espectadores.

Aparte destas catro representacións de Don Giovanni, a RFG tamén terá ocasión de mostrar as súas dotes como orquestra sinfónica noutro concerto a maiores que terá lugar na Sala da Sociedade Filarmónica de Bilbao o día 21 de novembro, no que interpretará obras de Mozart e de Beethoven.

Con esta invitación ponse de manifesto o grande momento musical e profesional da RFG, pois o pasado mes de agosto foi a única orquestra española invitada ao Festival Internacional de Piano de la Roque d’Antherón (Francia) onde ofreceu tres concertos con tres pianistas de prestixio internacional.

A RFG regresará da súa xira o día 29 para retomar os ensaios do programa de abono do Auditorio de Galicia, xa que o día 2 de decembro ofrecerá un concerto monográfico dedicado a Boccherini, dirixido por Corrado Bolsi e como solista actuará o principal dos violonchelos da RFG Plamen Velev.

Compartir: