CULTURA

O ciclo "Todo Lírica" presenta cinco concertos no Teatro Principal

16/12/2009 A canción napolitana, a ópera e o tango serán este ano os protagonistas no ciclo Todo Lírica, que celebrará entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro cinco concertos no Teatro Principal de Compostela.

Como unha cita xa consolidada na axenda cultural da cidade, Todo Lírica regresa este Nadal coa súa novena edición e, sen esquecer a zarzuela, inclúe nesta ocasión outros xéneros como a canción napolitana, a ópera ou o tango a través de autores como Sorozábal, Guridi, Rossini, Mozart, Puccini ou Gardel.

"Cada ano conseguen encher as bancadas" cunha programación para Nadal cada vez máis ampla "na que podemos gozar cada ano de máis xéneros", manifestou a concelleira de Cultura, Socorro García, louvando o labor que están a desenvolver con este Festival e que se encadra na "intensa actividade que dende a Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza levan a cabo durante todo o ano cunha programación variada e rica de música culta".

Pola súa parte, o representante desta Asociación, Víctor Carou, quixo salientar "o pracer de colaborar coa Concellería porque nos ofrece unhas condicións ideais para desenvolver este festival que o ano que vén cumprirá 10 anos". E lembrou que foi en 2008 cando este Festival de Zarzuela tomou o nome de Todo Lírica por ter ese carácter ecléctico no que se mesturan "xéneros como a opereta, o musical, a canción ou a zarzuela".

Experiencia e prestixio entre os intérpretes
Un sólido elenco de novos cantantes que atesouran prestixio e experiencia actuarán durante estes cinco días. Pertencentes a unha xeración de cantantes de "entre 35 e 45 anos, na plenitude das súas condicións vocais e madurez no escenario", estes artistas cantarán un variado programa.

A primeira xornada terá lugar o 22 de decembro e será o baixo menorquín Simón Orfila, acompañado ao piano polo brasileiro Kennedy Moretti, o encargado de inaugurar o festival. Cantará un programa que inclúe cancións napolitanas, arias de ópera e romanzas de zarzuela e que "supoñen o seu recital de presentación en Compostela", comentou Carou.

O seguinte concerto será o 28 de decembro co tenor granadino José Manuel Zapata, un cantante con proxección internacional. No seu programa inclúe unha homenaxe a Isaac Albéniz, no centenario da súa morte, arias de ópera e unha selección de tangos.

"O concerto máis tradicional" terá lugar o 30 de decembro, cunha selección de zarzuelas de Sorozábal, Guridi ou Arrieta, interpretadas por dous cantantes vascos, a soprano Itziar de Unda e o tenor Mikeldi Atxalandabaso, e acompañados polo pianista Rubén Fernández Aguirre, asiduo a esta cita co Festival "dende hai nove anos", comentou o representante da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza.

O luns 4 de xaneiro, o arpista compostelán Manuel Vilas deleitará ao público xunto co seu grupo Ars Atlántica, grazas a un programa de tonadas e danzas do século XVII, interpretadas pola soprano Isabel Monar. E para rematar, o 7 de xaneiro, a mezzosoprano Vivica Genaux, estrela da lírica actual, acompañada ao piano por Carlos de Aragón, ofrecerá o concerto de clausura patrocinado polo S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Abonos
A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais destacou "o prezo moi accesible dos abonos", xa que por 20 euros pódese asistir aos cinco concertos. Xa se poden adquirir a partir do xoves 17 estes abonos no despacho de billetes ou ben a través do servizo de venda de entradas de Caixa Galicia. Así mesmo, a partir do día 18 xa se porán á venda as entradas soltas por un valor de 6 euros para todos os concertos, que terán lugar sempre ás 21:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: