ALCALDÍA

Daniel Martínez Mariño, do Colexio Junior’s, gaña o Concurso Literario Ánxel Casal nas modalidades de poesía e conto

15/12/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, entregaron os premios aos seis galardoados no XIV Concurso Literario Ánxel Casal nas súas modalidades de poesía, conto e teatro. Nesta edición, un mesmo novo creador, Daniel Martínez Mariño, gañou as categorías de poesía e conto. Outro, Marcos Rodríguez Regueira, gañou na categoría de teatro e quedou segundo na de poesía.

Na modalidade de poesía, Daniel Martínez Mariño resultou galardoado pola súa obra "Alzhmr". Esta foi apreciada polo xurado coma "un poema con unidade pero ao mesmo tempo cunha escritura sinxela e limpa que traduce un mundo cheo de emoción".

En segundo lugar quedou o título "Quizais só sexa unha fantasía...", presentado por Marcos Rodríguez Regueira, do IES Terra de Soneira, de Vimianzo. Nesta obra destaca "a solidez de estrutura, a brillantez das imaxes e a sonoridade rítmica".

Teatro
O mesmo Marcos Rodríguez fíxose co primeiro premio na categoría de teatro. A súa obra "Xénese" foi escollida polo xurado grazas á "riqueza literaria presente tanto nas acotacións como no texto discursivo, e a visión clara na posta en escena".

O segundo posto no certame de teatro foi para Lara Porto Mato, do Colexio Manuel Peleteiro, de Santiago. As valoracións de "Ópera flamenca" céntranse nunha "posta en escena dunha emoción contida durante moito tempo e a evocación dun tempo perdido, cun final con suspense".

Conto
Finalmente, na modalidade de conto, o primeiro premio foi de novo para o alumno do Colexio Junior’s Daniel Martínez, neste caso por unha obra titulada "Fadas e cabaliños do demo". Trátase dun "relato moi fresco que domina moi ben a narración e a contención dos acontecementos, ofrecendo un sutil xogo entre a realidade e a fantasía dos contos", apunta o xurado.

En segundo lugar quedou Andrés Ocampo Rodríguez, do IES Eduardo Blanco Amor, de Ourense, cun conto titulado "Belén". Foi elixido por ser "un relato moi ben estruturado que capta a atención do lector e mantén a atención e o ritmo ata o final".

Os primeiros clasificados en cada modalidade levan 1.000 euros, mentres que os segundos levan 700. Un bo estímulo para estes novos autores, que dan os seus primeiros pasos no mundo da literatura unindo o seu nome ao de Ánxel Casal, insigne galeguista que fora alcalde da cidade. A el débese a fundación das Irmandades da Fala e un importante labor como pedagogo, editor ou impresor de diversas publicacións en galego.

Compartir: