EMPREGO

Cento trinta técnicos e profesionais asisten en Compostela ás Xornadas Técnicas de Empresas de Inserción Laboral

14/12/2009 O Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, acolle as Xornadas Técnicas de Empresas de Inserción Laboral, ás que asisten 130 persoas, entre poñentes, técnicos e profesionais relacionados coa promoción do emprego e a inclusión social chegados de distintas partes do España. Organizadas pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego e pola Asociación Plataforma polo Emprego, teñen como obxectivo promover un lugar de encontro para todas aquelas persoas que dende o mundo da empresas, das institucións públicas, das entidades sindicais e do tecido asociativo, están involucradas na loita contra a exclusión social.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez inaugurou estas Xornadas, nun acto no que tamén interviñeron o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias; o presidente da Asociación Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández; o subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo da Consellería de Traballo, Jorge Barros. Todos coincidiron en sinalar a importancia das empresas de inserción laboral na integración laboral e social das persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos.

Ramos Masjuán, que a continuación impartiu o relatorio As empresas de inserción. Marco legal. Expectativas. Límites. Alternativa para unha época de crecemento do desemprego, sinalou que actualmente hai en España entre cerca de 150 empresas de inserción laboral que ocupan a 3.500 persoas.

O segundo relatorio da mañá, Por que a para que das empresas de inserción? A experiencia de Emaus Fundación Social. Modelo de actuación e balance de resultados, foi impartido por Javier Pradini, director da Fundación Social Emaús de Donostia. Emaús Fundación Social ten a súa orixe en 1980, cando se constitúe un grupo Emaús en Gipuzkoa. Actualmente ten presenza tamén nos territorios de Bizkaia, Madrid, Asturias e Galicia, onde desenvolve diversas actividades para colectivos con dificultades: acollida e intervención social, formación e orientación laboral, creación de empresas para a inserción laboral nos ámbitos da xestión de residuos e do comercio xusto, proxectos de cooperación para o desenvolvemento, accións de educación, sensibilización e denuncia, así como estudos e investigacións sobre temas como cláusulas sociais e mercados reservados na contratación pública, responsabilidade social das empresas, etc. Conta con catro empresas de inserción laboral, que empregan a máis de 200 persoas e atende anualmente por centos de persoas con dificultades.

Documental, mesa redonda e catro obradoiros
Despois do documental Abrindo pasos á inserción, dirixido e realizado por Alberto Expósito, tivo lugar a mesa redonda Experiencias de empresas de inserción no ámbito estatal, na que participaron responsables das empresas MAPISER, S.L. (Manipulados e Servizos Picarral), de Zaragoza; La Encina Servicios Integrados, S.L.U. de Salamanca, promovida por Cáritas Diocesana; Cormo Integral, de Vigo, pertencente á Fundación Érguete; e a Fundación Social Emaús.

Pola tarde estaban previstos, en paralelo, catro obradoiros de traballo: As entidades de iniciativa social ante o reto de ser promotoras de empresas de inserción, a cargo de Miguel Fernández Blanco, presidente da Asociación Plataforma polo Emprego, e de Ramón Gómez Crespo, director de Proxecto Home; As empresas de inserción no marco dos itinerarios de inserción laboral, a cargo de Xabier Ferreiro Campos, responsable da Área de Emprego da Concellería de Promoción Económica e Emprego; Mercados protexidos e cláusulas sociais como ferramentas para a inserción laboral dentro do novo marco da Lei de Contratos do sector público, a cargo de José Ricá, técnico responsable da Área de Emprego do Concello de Getxo; e Como montar unha empresa de inserción? Requisitos, procedementos, trámite, a cargo de Cristina Varela, responsable da Secretaría Técnica da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA).

As empresas de inserción laboral son organizacións sociais, sen ánimo de lucro, que desenvolven actividades produtivas con funcionamento empresarial. O seu obxectivo é a integración laboral de persoas en situación de exclusión a través dun acompañamento personalizado denominado Itinerario de inserción. Os beneficios obtidos pola actividade empresarial reinvístese no obxecto social da empresa.

Compartir: