CULTURA

A Orquestra Árabe de Barcelona trae a Sons da Diversidade a súa mestizaxe de músicas mediterráneas

10/12/2009 O ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura, celebra o sábado 12 de decembro o segundo concerto da tempada 2009-2010. O Auditorio de Galicia acolle ás 21:00 horas a actuación da Orquestra Árabe de Barcelona, un combo de oito músicos que recolle os sons mestizos do Mediterráneo para falar de paz, de integración, de tolerancia e de convivencia. O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

O segundo disco da Orquestra Árabe de Barcelona, Maktub, amosa unha mestura que xorde da tradición marroquí e bebe das fontes máis diversas da cultura árabe e das tradicións mediterráneas, para convidarnos a descubrir, a compartir e a deixarnos levar por emocións, culturas e idiomas diferentes e, ao mesmo tempo, iguais.

A OAB naceu hai cinco anos e medio por iniciativa de catro músicos marroquís, liderados por Mohamed Soulimane. Tres músicos cataláns e un músico grego completan un grupo que, en ocasións, actúa acompañado por outros músicos de recoñecido prestixio como Omar Sosa, Miquel Gil, Lucrecia, Omar Faruk ou Mohamed Agbalo. Máis alá da calidade da súa música, coa que gañaron un importante oco dentro da estrita programación do Auditori de Barcelona, a OAB tivo claro dende o principio a súa función social consistía en explicar a cultura árabe nun momento delicado, no que parte da sociedade a identifica con terrorismo e violencia.

Co seu primeiro disco, Báraka, recoñecido como o segundo mellor disco de folk catalán do 2006, a OAB puxo ao día a tradición musical árabe, marroquí, andalusí e sufí, sobre inspiracións de world music, jazz e música doutros países do mediterráneo. Agora volven cun segundo disco, Maktub, con máis composicións propias, no que reinciden na capacidade integradora da música. Mestizaxe e fusión ao servizo da tolerancia, da man oito músicos consagrados que ofrecen un concerto moi elaborado, cargado de sabores, palabras e sentidos árabes.

As entradas poden mercarse en www.caixagalicia.es e no 902 434 443 ata 24 horas antes do concerto. Ademais, tamén poden adquirirse no propio despacho de billetes do Auditorio de Galicia durante toda a xornada do venres e do propio día do concerto, sábado, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, ou tamén chamando por teléfono ao Auditorio, baixo a forma de pago por tarxeta e podendo ser recollidas ata media hora antes do comezo do concerto.

Sumrrá, Rodrigo Leão, Roi Casal, Femi Kuti, Benjamín Biolay e Meredith Monk
Sons da Diversidade é unha programación na que conflúen culturas, xeografías, xéneros e estilos diversos. Sons que ao tempo que nos fan viaxar nos permiten transmitir valores que contribúen á consecución dun mundo máis xusto e respectuoso con todas as identidades culturais e lingüísticas. Logo de Ryuichi Sakamoto e a Orquestra Árabe de Barcelona, a viaxe musical continuará co jazz de vangarda de Sumrrá, as melodías de Rodrigo Leão, o pop-folk de Roi Casal, o afrobeat de Femi Kuti e a chanson de Benjamin Biolay, para rematar coas paisaxes sonoras de Meredith Monk, que será a encargada de pechar en xuño os concertos desta nova tempada.

Compartir: