URBANA SANTIAGO NORTE

As persoas desempregadas da zona norte poden aínda anotarse no proceso de selección do Equipo de Obras e Emprego Urbana

09/12/2009 O xoves 10 de decembro, finaliza o prazo de presentación de candidaturas para o Equipo de Obras e Emprego Urbana Santiago Norte, que permitirá inserir laboralmente a 45 persoas.

Este proceso de contratación, por un período de un ano, está destinado a persoas desempregadas que poidan acreditar formación ocupacional ou regrada para os diferentes postos ofertados (42 oficiais de terceira e tres responsables de equipo), en situación de exclusión laboral e que residan en calquera dos seguinte lugares que configuran o ámbito de actuación do Programa Urbana Santiago Norte (USN): Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros , Belvís e Quiroga Palacios. Tamén terán prioridade os sectores de poboación con maior exclusión laboral: mulleres, persoas desempregadas de longa duración, mocidade sen experiencia profesional e persoas en situación de maior vulnerabilidade.

Os postos ofertados son os seguintes: 20 oficiais de albanelaría, seis de xardinaría, tres de electricidade, tres de fontanaría, tres de cantería/mampostaría, tres de carpintería, dous/dúas encargados/as de albanelería e un/unha encargado/a de xardinería. As bases da convocatoria, xunto aos formularios de solicitude, pódense consultar e descargar, da páxina web da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo: www.maiscompostela.org.

O Equipo de Obras e Emprego Urbana Santiago Norte enmárcase na actuación 5.5 "Iniciativa Urbana de Obras e Emprego". Ten como obxectivos específicos a aplicación de políticas tendentes a diminuír o nivel de desemprego na zona Iniciativa Urbana, con atención especial aos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado de traballo, implantando un sistema eficaz de execución de obras, a través de programas públicos de emprego que incentiven a experiencia e a reinserción no mercado de traballo. Ademais, oferta aos desempregados da zona norte de Santiago experiencia laboral e cualificación, a través da execución de obras no seu propio entorno social.

Compartir: