CONSORCIO

Remata o prazo para acceder ás axudas ao mantemento de edificios da Cidade Histórica

09/12/2009 O Consorcio de Santiago, coa colaboración do Concello, a través da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación, dentro das súas políticas de recuperación urbana, iniciou unha nova liña de axudas aos cidadáns para o mantemento de edificacións. Baixo o lema Ter é manter, o Consorcio puxo en marcha o Programa de axudas ao mantemento da envolvente exterior e dos elementos comúns interiores das edificacións da cidade histórica de Santiago de Compostela, cun orzamento de 200.000 euros nunha primeira fase. O prazo de presentación de solicitudes remata o venres 11 de decembro, se ben poderanse presentar tamén solicitudes o sábado 12 de decembro, no rexistro do Concello.

Este plan de mantemento ven sumarse as xa coñecidas axudas á rehabilitación de vivendas e locais comerciais, así como a aquelas destinadas a elementos singulares de madeira ou ao programa de edificios tutelados. Ter é manter é a nova liña de axudas pensadas para aqueles edificios do casco histórico que presenten un aceptable estado de conservación, para garantir neles os traballos necesarios de conservación.

O plan prevé a realización previa dun informe que marcará as diferentes actuacións a seguir durante 12 anos en cubertas, fachadas, galerías e carpintarías de madeira e elementos comúns, tales como escaleiras. Este novo programa quere facer fincapé na cultura do mantemento, clave para a conservación dunha cidade Patrimonio da Humanidade como é Santiago de Compostela.

A axuda é do 50 % do custo de execución das obras de mantemento e o 50% dos honorarios profesionais. Poden ser beneficiarios das axudas propietarios, arrendatarios ou titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble. O uso principal do edificio debe ser o de vivenda, estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, ter suficiente seguranza estrutural e estanquidade fronte á chuvia e unha antigüidade superior a 5 anos.

As solicitudes pódense presentar na Oficina Municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación (Ocihr), nos baixos do Pazo de Vaamonde (rúa do Vilar, nº 59).

Qué se subvenciona
No período de 12 anos subvencionarase a realización dunha acción de mantemento intensa no edificio que comprenda cuberta, fachadas, galerías e carpintarías de madeira. Ademais, neste período volverase tres veces máis á cuberta e unha vez máis ás fachadas de orientación sur e oeste, as máis afectadas polo sol e pola combinación de auga e vento, que incluirá o mantemento das galerías e carpintarías de madeira. Nestes 12 anos subvencionarase ademais unha actuación sobre os elementos comúns interiores (escaleiras, por exemplo).

Para acceder á axuda será necesario contar cun Plan de Mantemento a 12 anos, axustado á realidade construtiva do edificio e co ditame favorable do informe sobre o estado de conservación do edificio que asegure o seu bo estado, e por tanto a posibilidade de investir en labores de mantemento.

Ter é manter
Ademais, Ter é manter quere concienciar á cidadanía en xeral, e aos veciños da cidade histórica de Santiago en particular, da importancia da cultura do mantemento, clave para a conservación do patrimonio de Compostela, declarado Patrimonio da Humanidade en 1985. Esta campaña ven acompañada dunha imaxe innovadora baseada en animación gráfica, e conta cunha web propia (www.teremanter.eu), onde informarse sobre cómo solicitar as subvencións.

Compartir: