CULTURA

O Nadal da Rede de Centros Socioculturais recupera a figura do Apalpador

09/12/2009 Obradoiros, cine, maxia, contacontos, monicreques, concertos, mostras e excursións conforman o programa Apalpando as ilusións. Máis dun cento de actividades lúdicas que se desenvolverán nos centros socioculturais composteláns ata finais de decembro, segundo manifestou na presentación a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, que estivo acompañada durante a rolda de prensa por Jorge Rey, de Títeres Cachirulo, e participante no programa.

Co obxectivo de lembrar a historia do Apalpador, un carboeiro que baixaba no Nadal da montaña para apalpar as barriguiñas dos pequenos e saber se comeran ben durante o ano, para logo agasallalos con castañas e xoguetes, xorde o programa Apalpando as ilusións. "Recuperar esta figura é recuperar valores identitarios, de respecto e tamén culturais" explicou a concelleira de Cultura, quen destacou o traballo de "xente como Jorge Rey, quen lle dá vida ao Apalpador a través dos seus monicreques" e cun espectáculo que forma parte do programa e no que conta a historia desta mítica personaxe.

Pola súa parte, o integrante de Títeres Cachirulo afirmou que "é un privilexio facer este espectáculo e sobre esta personaxe, que imos recuperando engrosándolle valores tan importantes para os nenos". Así mesmo, manifestou a boa acollida que están tendo os primeiros espectáculos exhibidos. "A resposta é excepcional tanto entre os pequenos como os maiores" subliña Jorge Rey.

Estendéndose pola rede sociocultural compostelá
Apalpando as ilusións, entre as 113 actividades que contempla, conta con "58 sesións de obradoiros diversos nos que se poden facer beléns, decoracións para Nadal, postais e agasallos con refugallos, promovendo entre os máis pequenos o coidado do medio ambiente e a solidariedade, xa que logo terán que repartilos entre eles mesmos", comentou Socorro García. Ademais terán lugar obradoiros de cociña con receitas típicas do Nadal, exposicións, visitas aos beléns, cine, teatro de monicreques, maxia, contacontos. Segundo dixo, "todas estas actividades esténdese pola Rede de Centros e Locais Socioculturais, chegando cada vez a máis veciños".

Para levar a cabo este programa contarase cos centros e locais socioculturais de Conxo, A Trisca, Casco Histórico, Sar, A Gracia, Aríns, Vite, Fontiñas, O Ensanche, Bando, Castiñeiriño, Marrozos, Villestro, Busto, Monte do Gozo-Amio, A Rocha, Lamascal, Laraño, Figueiras, Eixo/Bornais e Berdía. E como punto álxido deste programa celebrarase no Auditorio de Galicia a Festa das Ilusións, na que a maxia, a música e os obradoiros estarán á disposicións de todos os que se acheguen. Para facilitar o traslado ao Auditorio, a Concellaría de Cultura disporá autobuses dende os locais socioculturais do rural, previa inscrición.

A historia do Apalpador
Hoxe en día aínda existen nas cantigas das montañas do leste de Galicia a figura do Apalpador. Este xigante bonachón, de profesión carboeiro, tamén coñecido como Pandigueiro en diversos lugares da Terra de Trives, é unha personaxe mítica do Nadal que mora todo o ano nas devesas das altas montañas de Galicia e que baixa ás aldeas, vilas e cidades na noitiña do 24 ou o 31 de decembro para apalparlles a barriguiña aos miudiños por ver se comeran ben durante todo o ano, achegándolles castañas e agasallos feitos a man. Se os atopa ben mantidos, bísballes cariñoso aos oídos: "así, así esteas o ano todo". Se polo contrario os atopa coa barriguiña baleira, torce o sobrollo, e marcha preocupado... deixando en calquera casa unha presada de castañas e algúns xoguetes e presentes feitos a man para todos os rapaciños.

Compartir: