ALCALDÍA

Todo listo para o comezo das obras de reurbanización do tramo entre Galeras, Salvadas e Vista Alegre

04/12/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, deu conta da Xunta de Goberno extraordinaria, a primeira das tres que previstas para as xornadas do venres 4 e do sábado 5. Entre os asuntos tratados nesta sesión figura a adxudicación definitiva das obras de reurbanización do tramo Galeras – Salvadas – Vista Alegre, e a provisional das obras no campo e costa do Cruceiro do Gaio e na rúa San Clemente.

Sánchez Bugallo explicou que a razón destas sesións extraordinarias é fundamentalmente a esixencia da Xunta de xustificación de gastos asociados a convenios antes do mércores 9 de decembro. Á marxe disto, comentou algúns dos puntos da Xunta de Goberno, como a adxudicación definitiva dun dos contornos urbanos de acceso á cidade, en concreto o tramo Galeras – Salvadas – Vista Alegre, por importe de 2.837.123 euros máis IVE.

Cidade Histórica
Outras obras adxudicadas, neste caso provisionalmente, son as correspondentes ao campo e costa do Cruceiro do Gaio, por un importe de 663.701 euros máis IVE. O mesmo trámite acordouse para as obras de reurbanización da rúa San Clemente, no segundo tramo da rúa Raxoi, neste caso cun orzamento de 783.000 euros. Xa de xeito definitivo, adxudicáronse as obras de reurbanización do espazo público da Calzada de San Pedro, cu investimento previsto de 299.686 euros mais IVE.

Tamén no ámbito da Cidade Histórica, acordouse a solicitude de prórroga á Dirección Xeral de Cooperación Local de tres obras incluídas no Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL). Pídese unha moratoria ata o 20 de febreiro de 2010 das obras de reurbanización das rúas Belvís, Olvido e Trindade. O retraso na execución destas obras debeuse a problemas arqueolóxicos.

Facenda
En materia de Facenda, determinouse a empresa que se fará cargo do servizo de actualización do Catastro sobre inmobles urbanos e inmobles rústicos con construcións. Así, a adxudicataria ofreceu un importe por cada ben inmoble que se actualice na base de datos catastral de 38,75 euros.

Por outra parte, a Xunta de Goberno acordou solicitar á Consellería de Facenda da Xunta o pago da totalidade do resto da achega económica consignada nos orzamentos do ano 2009 a favor do Concello do Estatuto da Capitalidade. Así, reclámase que o pago de 1.192.500 euros se realice antes do 20 de decembro.

Visita do ministro de Fomento
Ademais das xuntas de goberno, o alcalde referiuse ao Pleno do estado do Concello, que se celebrará o sábado 5 a partir das 10:30 horas, transmitido en directo por esta páxina web. Sobre o mesmo expresou a súa confianza en que se desenvolva nun clima de "tranquilidade".

Tamén na mesma xornada, Sánchez Bugallo acompañará ao ministro de Fomento, José Blanco, na colocación da primeira pedra do tramo Santiago - Arzúa da autovía entre Santiago e Lugo, ás 10:00 horas. O día anterior, venres 4, o propio alcalde compostelán e o da Coruña, acompañarán ao ministro nunha viaxe en tren entre as dúas cidades. O novo tempo de viaxe, reducido agora a 35 minutos, cualificouno como "competitivo e vantaxoso respecto do automóbil".

Compartir: