CIDADE HISTÓRICA E CIRCULACIÓN VIARIA

As obras de urbanización no cruceiro do Gaio obrigan a cortar o tráfico no tramo entre Galeras e Poza de Bar

03/12/2009 Con motivo das obras de reurbanización no cruceiro do Gaio e Poza de Bar, a partir do xoves 10 decembro, o cruceiro do Gaio quedará cortado ao tráfico no tramo entre Galeras e Poza de Bar. Comeza así a primeira fase de reurbanización dunha zona na que se reformarán o campo ds Hortas, a rúa do cruceiro do Gaio, a praza en Poza de bar e o campo e costa de Cruceiro do Gaio.

As concelleiras de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, e de Cidade Histórica, Olga Pedreira, xunto co inspector Lino Senra, explicaron as restricións do tráfico. Os vehículos que queiran acceder a San Lorenzo, Campus Sur e Poza de Bar dende Galeras non poderán xirar cara o cruceiro do Gaio. Así, os vehículos procedentes de Entrerríos e Vista Alegre, deberá desviarse á altura de Santa Isabel (no chamado cruce do Sacho) cara Casas Novas e Monte Pío, e dende alí xirar á esquerda e seguir pola estrada de Figueiras cara Carme de Abaixo e Poza de Bar.

Igualmente, os condutores que, circulando no mesmo sentido, se dirixan a Bertamiráns, Roxos, Villestro ou Noia efectuarán o mesmo percorrido e, unha vez que cheguen á estrada de Figueiras, xirarán á dereita para saír á estrada de Noia.

O tráfico procedente do Pombal e que pretenda acceder ás zonas referidas deberá seguir igualmente ata Santa Isabel (cruce do Sacho) e xirar á esquerda para seguir tamén por Casas Novas, Monte Pío e estrada de Figueiras.

Ante a estreitura da ponte sobre o río no Carme de Abaixo e ao ser vía de entrada no desvío referido -co conseguinte incremento do volume de tráfico-, quedará cortado o acceso a Figueiras polo Carme de Abaixo, permanecendo este tramo con sentido único. Unicamente poderá acceder por este tramo en dirección a Figueiras o transporte público.

O inspector Lino Senra indicou que está estimado que por Galeras pasan cada hora uns 1.700 vehículos, dos que 700 se dirixen cara Poza de Bar. Adiantou tamén que, ante o incremento do volume do tráfico que deberá xirar cara Casas Novas, dende a sala de Tráfico procederase a ampliar os tempos dos semáforos que regulan estes xiros en Santa Isabel.

Compartir: