COMERCIO

Promoción Económica repartirá dez mil exemplares de "Regalar custa pouco"

03/12/2009 Vén de editarse o II Catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco. Trátase dunha publicación deseñada dun xeito funcional e elegante ao mesmo tempo, seguindo criterios de calidade. É facilmente lexible e manipulable. Ten unha tirada de 10.000 exemplares, que se repartirán entre a cidadanía e as persoas que nos visiten. Para tratar de chegar ao maior público posible, editouse, por primeira vez, en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, presentou o catálogo acompañado das representantes dos tres comercios gañadores do concurso. A publicación contén os 65 produtos seleccionados no concurso, destinado ao sector comercial de Compostela. Todos eles amosan un comercio moderno, innovador e competitivo, adaptado as actuais demandas de consumo. Na selección, realizada por un xurado de profesionais e expertos no sector comercial, tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes.

Ademáis de mostrar a calidade do comercio compostelá, o programa Regalar custa pouco, que conta cun orzamento de 30.000 euros, ten como finalidade promocionar os seus produtos co obxectivo de potenciar as compras nos estabelecementos comerciais da cidade durante o Nadal.

A publicación distribuirase en lugares de gran afluencia de público (centros socioculturais, bibliotecas, oficinas de turismo, etc.), e polas rúas de Compostela en distintas actividades de animación con zancudos, que comenzan o xoves 3 pola tarde (16:30 a 19:00 horas) na Praza Roxa e na Praza do Toural; e continuarán os días 18, 22 e 29 de decembro, e 2 e 5 de xaneiro, á mesma hora, e nos mesmos lugares. O 22 de decembro e o 5 de xaneiro as accións de animación en rúa tamén se realizarán en Área Central, máis ou menos na mesma franxa horaria.
60 páxinas

O II Catálogo de promoción comercial Regalar custa pouco estrutúrase en 60 páxinas (12 máis que o ano pasado), divididas en tres partes diferenciadas:

1. Páxinas 0 a 07: contén información moi gráfica sobre os contidos do catálogo e sobre ás zonas comerciais de Compostela.

2. Páxinas 08 a 55: contén os 65 produtos seleccionados no concurso, incluídos os tres gañadores: Chocolaterapia (37 €), un tratamento corporal de hora e media a base de chocolate en cabina, presentado polo centro de estética Saúde e Beleza; Bolso de pel con asa de corno de vaca (100 €), presentado por El Club Baltassara; e Perica (8,5 €), un chaveiro en forma de ovella negra, elaborado en pel de vacún, presentado pola tenda de marroquinería Media Lúa. Xunto aos produtos ofrécese unha breve descrición, o prezo de venda ao público e o nome do estabelecemento.

3. Páxinas 56 a 60: Ao final da publicación inclúese un listado por orde alfabética, dos 14 estabelecementos nos que se poden mercar os 65 produtos seleccionados. Neste listado figuran, entre outros datos, o enderezo do comercio e os horarios de apertura. Estes mesmos comercios están localizados, cun número, nun mapa da cidade que ocupa as páxinas 58 e 59.

No segundo concurso Regalar custa pouco inscribíronse 86 produtos, pertencentes a 16 estabelecementos comerciais. Como na edición anterior, as propostas de agasallos clasifícáronse en seis categorías, dependendo do prezo de venda ao público: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio podía presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Escolléronse 65 produtos: 10 de ata 5 euros, 10 de ata 10 euros, 12 de ata 20 euros, 11 de ata 30 euros, 13 de ata 50 euros e 9 de ata 100 euros. Segundo establecen as bases, todos os produtos incluídos no catálogo deben figurar na oferta habitual do estabelecemento, como mínimo durante os días que dure a campaña de Nadal.

Compartir: