PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Nadal Solidario achega doazóns de alimentos e xoguetes a catro institucións benéficas

03/12/2009 A Concellaría de Participación Cidadá nunha aposta pola solidariedade social, está a organizar en colaboración co xornal gratuíto Santiagosiete, a campaña Nadal Solidario. A iniciativa, que bota a andar esta semana, consiste na recollida de alimentos e xoguetes, para doar ás catro entidades mais representativas na asistencia dos cidadáns desfavorecidos: Cociña Económica, Cottolengo, Cáritas e Albergue Xoán XXIII.

Todos os veciños e veciñas que queiran facer chegar a estas institucións toda clase de alimentos en bo estado non perecedoiros, tales coma pastas, arroz, galletas, conservas, aceite, especias, froitos secos, legumes, botellas e latas, marmeladas, cereais, tetrabricks, doces ou turróns, entre outros, atoparán unha serie de lugares na cidade, chamados "esquinas solidarias", onde deixar a súa doazón. Así o explicaron na presentación da campaña a concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, e o director de Santiagosiete, Renato A. Landeira.

Nadal Solidario tamén se amplía á recollida de xoguetes en bo estado. O prazo de recollida deu comezo o 1 de decembro e rematará o mércores 16 de decembro, cando a totalidade da doazón sexa exposta na Casa das Asociacións antes de ser repartida entre os beneficiarios.

A campaña será impulsada a través da internet na páxina web www.nadalsolidario.org, onde se darán a coñecer todos os detalles, noticias e puntos de entrega dos alimentos e xoguetes.

Gala solidaria no Teatro Principal
Este Nadal Solidario rematará o vindeiro luns 21 de decembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, cunha gran gala onde se amosará un vídeo sobre estas catro institucións benéficas e que contará coa actuación do quinteto gospel estadounidense Brotherhood Singers. Ademais, farase entrega dun diploma solidario ás empresas, institucións e asociacións de veciños patrocinadoras e participantes no evento.

O prezo da entrada será de 10 euros. A recadación entregarase integramente e por partes iguais ás catro institucións. As entradas estarán á venda en breve na web www.nadalsolidario.org, na billeteira do Teatro Principal, na Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes, avenida de Vilagarcía, 43) e nas oficinas de Santiagosiete no polígono da Costa Vella.

Nadal Solidario é un evento organizado pola Concellería de Participación Cidadá en colaboración con Santiagosiete. Conta co patrocinio da Concellaría de Festas, Aquagest, Grupo Brea, Area Central, Parador Hostal dos Reis Católicos, Cativos Escolas Infantís, Kátedra Profesional, Begano Coca-Cola, Televés e Puentes Inmobiliaria, ademais da colaboración de Fílmate Fotografía y Vídeo, Grupo Isonor e Transportes Autoradio.

Documentos relacionados



Compartir: