CULTURA

Á venda os abonos para "Todo Lírica", a novena edición do tradicional Festival de Zarzuela de Santiago

02/12/2009 Puxéronse á venda no servizo telefónico de Caixa Galicia (teléfono 902 434 443) os abonos para o ciclo Todo Lírica (a novena edición do tradicional Festival de Zarzuela de Santiago de Compostela) que se desenvolverá nesta cidade durante o Nadal, organizado pola concellaría de Cultura e a Asociación Galega da Lírica. O abono para os cinco concertos ten un prezo de 20 euros. As entradas soltas para cada un dos concertos poden adquirirse a partir do 18 de decembro a un prezo de 6 euros. Tanto as entradas como os abonos tamén se poderán adquirir na billeteira do Teatro Principal a partir do xoves 17 de decembro.

Este ciclo consta de cinco concertos que se celebrarán entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro no Teatro Principal, escenario polo que pasarán un sólido elenco de cantantes con prestixio e experiencia. O concerto inaugural (martes 22 de decembro) estará protagonizado polo baixo menorquín Simón Orfila que, acompañado ao piano por Kennedy Moretti, cantará un programa que inclúe cancións napolitanas, arias de ópera (Mozart, Puccini e Rossini) e romanzas de zarzuela (Luna, Vives e Codina). Será este o recital de presentación en Santiago de Simón Orfila como uns días despois, o luns 28 de decembro, o será do tenor granadino José Manuel Zapata, un cantante de ascendente carreira internacional que no seu programa inclúe cancións de Manuel García e de Isaac Albéniz (compositor ao que rende homenaxe no centenario da súa morte), arias de ópera (especialidades de Zapata como La Cenerentola, de Rossini) e, para rematar, unha selección de tangos. No piano, ao igual que no seguinte concerto, estará un habitual que non falta á súa cita co ciclo dende a primeira edición, o vasco Rubén Fernández Aguirre.

O momento da zarzuela chega o mércores 30 de decembro no concerto de dous cantantes vascos, a soprano Itziar de Unda e o tenor Mikeldi Atxalandabaso: no programa romanzas e dúos de Sorozábal, Guridi, Arrieta, Luna, Moreno Torroba, Vives e, como colofón, o famoso dúo de El gato montés, de Penella. O luns 4 de xaneiro, da man do arpista compostelán Manuel Vilas e o seu grupo Ars Atlántica (nesta ocasión formado por Juan Carlos de Mulder coa guitarra barroca, Luz Martín León-Tello coas castañolas e o propio Manuel Vilas coa arpa de dúas ordes), Todo Lírica acolle un orixinal programa de tonadas e danzas de zarzuelas do século XVII. Con este concerto, titulado Vivir a vida airada, regresa ao ciclo a soprano valenciana Isabel Monar.

Nesta ocasión e como comezo do Ano Santo 2010, Todo Lírica conta coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que patrocina o concerto de clausura (xoves 7 de xaneiro), protagonizado por unha estrela como Vivica Genaux. A mezzosoprano nacida en Alaska regresa a Galicia tras as súas actuacións hai catro anos no Festival de Música Cidade de Lugo (recital que supuxo o seu debut en España) e na edición 2007 do Festival Via Stellae, nesta ocasión acompañada ao piano Carlos de Aragón. O variado programa de Vivica Genaux céntrase no belcanto e a zarzuela.

Compartir: