BENESTAR SOCIAL

Unha mesa redonda na Casa das Asociacións aborda o crecente impacto das redes sociais de internet

02/12/2009 O xoves, 3 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa das Asociacións, en Cornes, terá lugar a mesa redonda "Redes sociais, Facebook, Tuenti...: a cara oculta dos amigos dos meus fillos". Este foro, organizado pola Coordinadora de traballo en Rede Barrio de Conxo-Milladoiro coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, abordará o alcance destas redes e ofrecerá aos pais e educadores información sobre a repercusión das mesmas nas condutas dos seus fillos e alumnos. A entrada é libre.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, clausurará esta mesa redonda, na que participarán como relatores a directora da UMAD, Pilar Bermejo; o presidente do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, Fernando Suárez; e o tenente coronel da Garda Civil da Comandancia da Coruña e experto en redes sociais, Eduardo Martínez Viqueira. Moderará a mesa redonda a coordinadora de Traballo en Rede Barrio de Conxo-Milladoiro e orientadora do IES Eduardo Pondal Mª Dolores Alvariño.

Todos os relatores exporán as súas experiencias e coñecementos sobre este crecente e imparable fenómeno dende distintos ámbitos profesionais. Nesta mesa redonda abordaranse temas como a orixe o alcance actual destas redes, a súa influencia nos comportamentos dos máis novos, o control dos pais do acceso a estas redes, as adiccións derivadas das mesmas ou as condutas ilícitas e delitivas en internet. Os relatores formularán algunhas recomendacións sobre a utilización das redes sociais e o control dos contidos no acceso a internet.

A mesa terá un carácter activo e participativo. Por isto, despois das intervencións dos relatores abrirase unha quenda de debate, co fin de que os pais, educadores e demais asistentes poidan expresar as súas dúbidas. Será unha boa oportunidade para dar a coñecer as distintas preocupacións sobre a influencia que estas redes sociais exercen na vida dos mozos na actualidade.

Compartir: