URBANISMO

UrbanLAB#1 achega solucións eficaces e sostibles ao desenvolvemento urbanístico

01/12/2009 A recentemente inaugurada Factoría Compostela (rúa da Conga, 9), acolle do 2 ao 4 de decembro UrbanLAB#1. Compostela como laboratorio urbano, un foro de debate aberto para a formación de profesionais e especialistas, e de calquera interesado en coñecer os mecanismos que definen o tecido urbano da cidade. Este laboratorio experimental contará con varios relatorios e debates en torno a temas como a cidade e os símbolos, a sustentabilidade creativa ou a identidade cultural e a globalización.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, presentou UrbanLAB#1, acompañada da directora da Factoría Compostela, Concha Fontenla, e do coordinador do foro, Adrián Hiebra. O obxectivo deste laboratorio é abordar dende unha perspectiva crítica os problemas máis inquietantes do desenvolvemento urbanístico contemporáneo, propoñendo solucións eficaces e sostibles mediante investigacións colectivas que favorezan a participación activa dos cidadáns.

Mercedes Rosón indicou que o principal obxectivo deste laboratorio é "inducir á reflexión e xerar unha conciencia crítica dos cidadáns respecto do seu entorno". Neste sentido, Concha Fontenla chamou a atención sobre unha Cidade Histórica que "late cada vez máis lentamente", polo que a Factoría Compostela quere "dinamizar a cidade dende o corazón da mesma" en prol dun "proxecto de cidade". "Vale a pena traballar nun activismo cultural positivo", dixo.

O coordinador do laboratorio, Adrián Hiebra, presentou os contidos do mesmo, o primeiro dun programa anual dividido en varios módulos. Cada un deles consta de tres xornadas nas que interveñen un total de seis poñentes, dous por día. Estes formulan os seus respectivos discursos teóricos en relación cun tema común para, a continuación, fomentar o debate cos asistentes, coñecedores do escenario compostelán no que deben aplicarse os principios teóricos previamente esbozados.

Relatorios e debates abertos
Esta primeira entrega do laboratorio comezará o mércores 2 de decembro, cunha xornada titulada A urbe como plataforma de acción. A cidade e os símbolos. Abordarase o escenario urbano entendido como unha consecuencia da suma de tradicións e como estes símbolos poden ser obxecto de diferentes lecturas para crear obras abertas que activan a circulación de contidos culturais. Interveñen nesta primeira xornada o cineasta Oliver Laxe (11:00 h) e o antropólogo e musicólogo Chiu Longina (17:00 h).

A segunda xornada, o xoves 3, dedicarase á Sustentabilidade creativa. En dúas sesións, cos títulos de Ecosistema urbano e Basurama, tratarase todo aquilo que ten que ver coa necesidade de atender o equilibrio medioambiental en calquera modificación operada no seo das cidades. Ocuparanse destas dúas sesións, respectivamente, o arquitecto Michael Moradiellos (11:00 h) e o arquitecto e investigador Miguel Rodríguez (17:00 h).

Xa para rematar este primeiro laboratorio, o venres 4, Concha Fontenla e a xestora cultural na Habana Onedys Calvo abriran a xornada titulada Identidade cultural e globalización`/em] (11:00 h), que xirará en torno á influencia das tecnoloxías da información e da globalización na morfoloxía das cidades, e ao seu papel na posta en valor do patrimonio e da identidade local e na construción de paisaxes urbanas plurais. Pechará as intervencións, antes do último debate (17:00 h), o director do Observatorio da Urbanización na Universidade Autónoma de Barcelona, Francesc Muñoz.

Documentos relacionados



Compartir: