PLENO

O Concello compostelán insta á Xunta e retirar o anteproxecto da Lei de Augas e a crear o Observatorio Galego da Violencia de Xénero

26/11/2009 O Pleno municipal aprobou una proposición, presentada polo grupo municipal socialista, instando á Xunta de Galicia a retirar o anteproxecto da Lei de Augas de Galicia. Solicítase a elaboración dun novo, que siga un "estreito cumprimento da Directiva Marco da Auga", incluíndo todos os preceptos da mesma. Ademais, demándase "unha fiscalidade progresiva para auga en Galicia, que chegue a todos os cidadáns e ás cidadás e a todos os territorios de igual xeito, para o que será necesario que exista un acordo de cooperación institucional cos concellos e coa Administración do Estado".

Tamén se di que a nova Lei debe conter "unha regulación e ordenación dos usos da auga que recolla todas as casuísticas do territorio galego e do acceso á auga, de xeito que se garanta que a auga sexa un servizo universal para o conxunto das galegas e dos galegos".

Segundo explicou a concelleira de Servizos, Marta Álvarez-Santullano, "este anteproxecto de Lei non é unha auténtica Lei de Augas", senón "unha escusa para duplicar ou triplicar o recibo da auga que os concellos teñen que cobrar aos usuarios, chegando os prezos, nalgúns tramos, a igualarse co prezo da auga que sae dunha desaladora (0,45 euros/m3).

Indicou igualmente que o anteproxecto non contén aspectos básicos como a utilización dos recursos hídricos, a necesidade de protección e mellora dos sistemas acuáticos, a protección do recurso da auga, a protección do medio ambiente ou referencias ás zonas inundables ou ás protexidas. Finalmente, reclámase "unha regulación relativa ao rego, na que se garanta unha xestión eficiente e sostible do mesmo".

Desenvolvemento da Lei para a prevención e o tratamento da violencia de xénero
Outra proposición aprobada no Pleno, neste caso a proposta do grupo municipal do BNG foi unha relativa a instar á Xunta de Galicia ao completo desenvolvemento da Lei 11/2007, para a prevención e o tratamento da violencia de xénero.

Pídese ao Goberno autonómico que "realice unha planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei que estaban pendentes de desenvolvemento". En concreto, trátase da "creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha dun recurso específico destinado á recuperación integral das mulleres vítimas da violencia de xénero".

A voceira nacionalista, Socorro García Conde, solicitou tamén "realizar de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero, ofrecer formación á totalidade das e dos profesionais e garantir o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público tamén recollido na lei".

Na proposición incídese na importancia do Observatorio, que tería por obxecto "encargarse do estudo, avaliación e seguimento das políticas de violencia de xénero". Neste sentido, lembrou a concelleira que "a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade de calquera goberno, que ten que materializarse na mobilización de recursos e no cumprimento das disposicións legais nesta materia".

Compartir: