URBANISMO

Santiago participa na Conferencia Anual do Programa Europeo URBACT en Estocolmo

25/11/2009 A Concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, foi a encargada de moderar unha mesa redonda na Conferencia Anual de URBACT, inaugurada polo ministro sueco de Empresa e Enerxía, Maud Olofsson e presidida pola directora de Políticas de Desenvolvemento, Natalija Kazlauskiené, da Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea. O acto, celebrado en Estocolmo, enmárcase no programa organizado por Suecia durante a súa Presidencia na Unión Europea.

Na mesa redonda, que levaba o lema Análise do funcionamento da metodoloxía do Programa URBACT nas cidades españolas, abordáronse temas de gran interese e aplicabilidade para as cidades como a posibilidade da obtención de fondos para executar os plans de acción local que veñen sendo deseñados polos proxectos, a dispoñibilidade dos fondos xa aprobados para aplicar medidas de eficiencia enerxética ou a necesidade da cooperación entre os sectores público e privado e entre as institucións, comunidades, axentes económicos e sociais.

Santiago traballa neste e noutros aspectos de interese para a cidade no Proxecto Europeo SUITE, que lidera dende xaneiro, e que aborda a vivenda como un factor de cohesión urbana e social. As conclusións iniciais deste proxecto presentaranse en Santiago en outubro de 2010.

Na mesa redonda participaron representantes dos departamentos de urbanismo e promoción de Albacete, Xixón, Barakaldo, Sevilla e Hospitalet e da Dirección de Planeamento da Generalitat de Cataluña.

Compartir: