IGUALDADE

Os xornalistas demandan unha educación responsable e a tolerancia cero respecto á violencia de xénero

25/11/2009 O Casino de Santiago acolleu un acto de sensibilización con motivo da celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Nesta ocasión, os protagonistas foron os medios de comunicación, instrumento fundamental na transmisión de valores e na denuncia da violencia contra as mulleres.

Xornalistas de medios composteláns tomaron a palabra neste acto para pronunciar mensaxes de denuncia contra a violencia de xénero. Tamén o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, se quixo unir a estas reivindicacións indicando que "é responsabilidade de todos os poderes públicos e da sociedade, en xeral, promover o cambio e a revisión de concepcións estereotipadas que, na cultura androcéntrica, serven de sustento á aprendizaxe e ao mantemento da violencia de xénero".

"A violencia tamén mata as palabras e convérteas en silencio. Fai sentir as túas palabras", dixo a concelleira de Igualdade, Mar Martín. Como ela, tamén tomou a palabra o delegado en Galicia de Antena 3 Televisión e director rexional de Onda Cero, Ignacio Capeáns, para apuntar que "con só nomear as cousas xa estamos cargándoas de ideoloxía. Na violencia contra as mulleres, os medios non podemos ser imparciais ou pretender ser asépticamente obxectivos. Temos a responsabilidade de sinalar ai agresor, sen atenuantes e cunha linguaxe precisa que faga visible a súa brutalidade".

Tamén interveu no acto o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, que deixou o seguinte texto: "A violencia de xénero supón que media humanidade ten á outra media nun estado de excepción permanente. E se calamos, consentimos, e se non actuamos, somos cómplices" .

Pola súa parte, a xefa de Opinión de Xornal de Galicia, Lucía López Bayo, indicou que "erradicar a pandemia da violencia de xénero é o verdadeiro reto do século XXI. Non existe a victoria do home sobre a muller. Só a derrota do que se sente superior". Tomando como referencia as palabras de Gandhi "Non hai camiños para a paz, a paz é o camiño", o director rexional de Cope Galicia, Javier Castro, afirmou que "Non hai camiños para a non violencia, a non violencia é o camiño".

"A violencia non é cousa de homes" foi a frase escollida por David Lombao, redactor do Xornal de Galicia. Xunto a el falou tamén a redactora xefa de Programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro: " Se toleras es culpable. Se te avergoñas es culpable. Se non miras es culpable. Se non denuncias es culpable. Se non educas no respecto es culpable. A tortura e o asasinato das mulleres é unha responsabilidade de todos e todas".

O director de Radio Galicia (SER), Javier Otero Llovo, manifestou que "a violencia de xénero é a expresión mais dramática da subordinación das mulleres na nosa sociedade". Nese mesmo sentido, o director de Santiago Siete, Pedro Mouriño, apuntou que "a todos nos incumbe o compromiso de lograr a igualdade plena entre mulleres e homes e eliminar para sempre a violencia de xénero. E ás mulleres que son vítimas dunha violencia intolerable imos dicirlles con contundencia: hai saída, e está ao voso alcance".

Compartir: