CULTURA

"Check Out", de Salvador Rubio, leva o primeiro premio do Compostela Plató

25/11/2009 É a primeira vez que un texto pensado para unha peza de animación obtén o primeiro premio de Compostela Plató. Check Out, de Salvador Rubio, é o vencedor da presente edición do concurso de guións convocado por Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes que promove a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais. Un equipo de sete persoas en Ficción Producciones encargarase nos vindeiros meses de trasladar a imaxes o texto gañador.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e Tim Redford, director de Curtocircuíto, comunicaron a obra gañadora en presenza do seu autor, Salvador Rubio Gómez (Madrid, 1978). O Premio de Compostela Plató consiste na produción da curtametraxe cun orzamento inicial aproximado de 30.000 euros, ademais de garantir a súa distribución posterior en festivais e eventos internacionais. Pola categoría do premio, trátase do certame de guión curto máis destacado do panorama estatal. A produción de Check Out levarase a cabo ao longo dos próximos meses: a curtametraxe quedará rematada a tempo para a súa estrea na Gala de Clausura da futura VII edición de Curtocircuíto.

"Grazas a isto, unha historia que levaría dous anos facer vai estar rematada en cuestión de meses: para min, isto é cousa de maxia", sinalou Salvador Rubio. O guionista premiado quixo destacar a aposta tan decidida pola produción que fai Compostela Plató, a diferencia dos restantes certames do Estado. "Normalmente, os guións reciben premios en metálico, pero aquí prodúcense", distinguiu, e por iso "o premio gordo é este".

O xurado de preselección, composto polo produtor e realizador Toni Veiga e a produtora Mamen Quintas, seleccionou sete finalistas entre todos os guións participantes. Despois, un grupo de profesionais do sector audiovisual galego uniuse a eles para constituír o xurado: foron a actriz María Vázquez, a representante da TVG Chusi Riveira, os directores Marcos Nine e Luis Avilés e mais Timothy Redford, director de Curtocircuíto.

Unha comedia muda
Reunido o xoves 19 de novembro para a deliberación final, o xurado outorgou o primeiro premio ao guión de Salvador Rubio. Trátase da primeira vez que un guión para animación consegue o máximo galardón de Compostela Plató. Check Out (caixa pechada) é unha comedia situada nun supermercado, dous minutos antes da hora de peche: unha caixeira que devece por marchar para a casa atópase cun cliente que leva o carro ateigado de cousas. Completan a escena un estrito supervisor na procura de alguén a quen despedir e mais un garda de seguridade ao bordo dun ataque de nervios.

Por difícil que pareza partindo destas premisas, o amor xorde. E faino sen mediar palabra, xa que o guión de Salvador Rubio carece de diálogos. "Na vida sucédense os momentos máxicos, que ás veces detectamos e, outras veces, non", dixo o autor. "Eu quixen falar dun deses momentos".

A produtora Ficción Producciones, con sede no Milladoiro, será a responsable de levar este proxecto a cabo. Serán sete profesionais que seguirán técnicas de animación en 3D ao xeito dos cartoons, é dicir, con aspecto de debuxos animados bidimensionais. Trátase dunha técnica semellante ao anime xaponés, que fuxe de calquera semellanza coa imaxe real.

Novo éxito de participación
Nesta nova edición de Compostela Plató volveuse superar o número de guións presentados a concurso. En total foron 63 os guións participantes, chegados de todos os puntos da xeografía do Estado. A meirande parte procederon de Madrid, seguida de Galicia moi de preto. Tamén se recibiron guións de autores españois residentes no estranxeiro.

Ademais do primeiro premio, o palmarés de Compostela Plató complétase cos guións titulados La vida es una mierda, de Inmaculada Ricoy, e El día, de Juan Alcaraz, que obtiveron o segundo e terceiro premios, respectivamente. Os finalistas baixo pseudónimo foron Galletas de coco, de Flanagan; El nicho, de Kenya Campbell; Babú (made in China), de Mandarín; e Directo solo para ti, de Kimbo Brown.

Compartir: