DEPORTES

Borja Golán será o padriño das bolsas a deportistas individuais da Fundación Compostela Deporte

25/11/2009 A Fundación Compostela Deporte presentou os 40 deportistas seleccionados, dos cales 15 recibirán as Bolsas da Fundación Compostela para a Formación e Perfeccionamento dos Deportistas Individuais Composteláns 2009. A quinta edición desta convocatoria ten como novidade a súa apertura aos deportistas individuais empadroados na mancomunidade de Santiago de Compostela. Tamén se presentou o padriño desta edición, que será o deportista compostelán Borja Golán.

O acto de presentación da convocatoria anual das Bolsas da Fundación Compostela Deporte contou coa presenza do concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación, Bernardino Rama. Este salientou o feito de que a convocatoria se abrira á Mancomunidade e agradeceu a colaboración ao Padroado da Fundación, á Asociación Down Compostela, ao Comité de Selección e ás empresas patrocinadoras do evento.

Pola súa parte, Antonio Bermúdez, como membro do Comité de Selección informou que o lista de 40 deportistas seleccionados está ordenado por deporte e alfabeticamente, xa que os 15 deportistas composteláns que serán bolseiros da Fundación daranse a coñecer no propio acto de entrega das Bolsas, o 2 de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Ademais fixo fincapé en que a selección dos mesmos faise a través dun baremos aos que se lle aplica un coeficiente corrector en función da idade, que penaliza aqueles deportistas con máis idade. Consonte ás bases dos 15 bolseiros doce obtéñense aplicando o antedito baremo co seu coeficiente corrector, e os outros tres escólleos o Comité. Porén este ano o Comité decidiu elixir estes tres bolseiros aplicando o coeficiente corrector e o baremo. De feito, o Comité de Selección proporalle ao Padroado da Fundación que en vindeiras convocatorias só podan concorrer ás bolsas aqueles deportistas que leven dous anos empadroados na área de Compostela.

Borja Golán dixo que para el era unha honra estar no acto de entrega das bolsas e ser o padriño desta convocatoria. Animou aos deportistas para que aproveiten estas bolsas, que os axudarán na súa formación. Nesta convocatoria presentáronse máis de 50 deportistas para obter unha das 15 bolsas da Fundación Compostela Deporte.

Compartir: